Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 12:18
O Parlamento aprobou por unanimidade dos grupos pedir ao Goberno central o establecemento de bonificacións nas peaxes da autoestrada AP-53, que une Santiago e Dozón. A iniciativa partiu do PPdeG e reclama en concreto rebaixas "similares" ás que se acaban de aplicar na AP-9, "tendo especialmente en conta aos usuarios recorrentes e aos transportistas e incluíndo ás familias numerosas".
Na súa quenda, o popular Diego Calvo advertiu de que é "a día de hoxe a --autoestrada-- máis cara de Galicia", tendo en conta que o traxecto de ida e volta, de 45 quilómetros, situouno en 12 euros. Ademais, sinalou que "a alternativa" é a N-525, que ten unha limitación a 50 km/hora "en gran parte dos tramos" e "atravesa zonas urbanas cun tráfico intenso".
Pola súa banda, a socialista Patricia Otero afirmou que o seu grupo non se opón a esta solicitude pero cre que "tamén é o momento de que a Xunta dea un paso adiante" e aplique bonificacións na AG-55 e na AG-57. En calquera caso, lamentou que "durante os gobernos de Mariano Rajoy non dixeron nada e puido facer esa bonificación que agora o PP galego trae a debate". "Dicía que é cuestión de vontade política e é a que teñen cando non teñen responsabilidades en Madrid", reprochoulle a Calvo.
Pola súa banda, o nacionalista Xosé Luís Bará censurou as peaxes "abusivas" desta autoestrada pero avisou ao PP de que son "corresponsables" desta situación. Ademais, tanto a deputada do PSOE como o do BNG recriminaron ao do Partido Popular as súas palabras sobre a AP-9. "O colmo é que nos vinga a falar das transferencias. Como teñen tanta cara? Como se atreven?", espetoulle Bará, despois de que Otero o acusara de "mentir" e "terxiversar a realidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.