Por Galicia Confidencial | Carballeda de Valdeorras | 27/11/2024 | Actualizada ás 09:00
A Agrupación industrial da Lousa de Galicia celebrou o pasado 21 de novembro a primeira edición do Premio Pioneiros da Lousa, un galardón, que como destacou o seu presidente, Víctor Cobo, “pretende conseguir que perdure na memoria das xeracións presentes e vindeiras, todas estas persoas que iniciaron a súa actividade con medios moi rudimentarios e conseguiron facer deste sector uno dos principais de Galicia”.
Máis de 180 invitados déronse cita nas instalacións do Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín de Valdeorras, nun acto que quixo premiar, nesta primeira ocasión, aos once concellos con maior tradición pizarreira, aqueles que, explicou Cobo, realizaron “unha aposta decidida” polo sector e “sen cuxa colaboración e diálogo sería moi difícil realizar a nosa actividade”.
Así, representantes dos municipios de Ortigueira, A Fonsagrada, Mondoñedo, A Pastoriza, Lourenzá, Samos, Pol, Quiroga, Folgoso do Courel, Vilamartín e Carballeda, recollían o galardón, unha figura dun labrego realizada en lousa polo escultor Alejandro Álvarez, entregado a cada un deles por representantes do mundo da cultura, a educación, o deporte, a empresa e a viticultura local.
Antes da entrega de premios, 91 empresarios e 19 colocadores recolleron un diploma que os acredita como “Pioneiros da lousa”.
A LOUSA COMO VALOR DE FUTURO
A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, falou en representación dos 11 concellos galardoados e dixo “que os responsables políticos deben alentar ás novas xeracións a que aposten polo sector da lousa, para asegurar a súa supervivencia”.
Respecto do futuro do sector da lousa tamén se manifestaron o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila. Ambos destacaron a calidade da lousa galega, á que calificaron como “única no mundo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.