Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2021 | Actualizada ás 14:05
O secretario provincial do PSdeG na Coruña e candidato á secretaría xeral do partido en Galicia, Valentín González Formoso, pediu "confrontar proxectos e non persoas" durante as primarias, un proceso que reivindicou como "garantía" democrática.
Así se expresou Formoso á saída da convención provincial da Coruña celebrada este sábado nun hotel da cidade herculina, onde se reuniron os delegados coruñeses para debater e acordar as emendas provinciais que se presentarán ao 40 Congreso Federal do PSOE, e na que participou o actual presidente da Deputación da Coruña, en calidade de secretario provincial. Para o secretario provincial, as primarias son "un procedemento marabilloso e democrático" no que "ensinar o mellor dun mesmo, pondo en valor todas as ideas para mellorar Galicia".
Neste sentido, destacou que está a ser un proceso "moi limpo", algo que agradeceu aos seus compañeiros de partido e á propia secretaría xeral; e non comentou as declaracións realizadas este venres polo vicesecretario xeral dos socialistas galegos, Pablo Arangüena, nas que comparaba a candidatura de Formoso coas varonías territoriais, símbolo do pasado.
"CAMPAÑA EN POSITIVO"
"Está a ser unha campaña en positivo, así que non vou entrar. Pero creo os socialistas do S.XXI manexamos outro tipo de termos e filosofías que non teñen que ver con varonías ou homes territoriais", apuntou Formoso, que recalcou que "todos" foron escollidos "nun proceso democrático, en primarias" --"tanto eu como Gonzalo"--.
"Hai unha garantía chamada primarias e xa nos movemos noutros termos", insistiu o secretario provincial da Coruña, que recoñeceu que afronta a xornada "con ilusión", "percorrendo Galicia" para coñecer a súa "idiosincrasia".
Ademais, remarcou que "Galicia non é do PP", "ao contrario do que poidan pensar algúns compañeiros". "Non hai ningunha localidade nin territorio que se poida adscribir a unha formación política concreta; iso é antidemocrático, pouco respectuoso e pouco intelixente coa cidadanía galega. Galicia é de quen a comparte, escóitaa e de quen a entende, e cara aí van os nosos esforzos", subliñou Formoso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.