Formoso ve "necesidade de cambio" no partido: "os galegos mandaron unha mensaxe clara nas autonómicas"

Sinala que "os candidatos deben responsabilizarse dos resultados" e tacha de "cliché" os comentarios que o comparan coa dereita.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2021 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Valentín González Formoso, candidato á secretaría xeral do PSdeG, sinalou que percibe na militancia "unha necesidade de cambio de modelo dentro do partido" e cre que "os galegos mandaron unha mensaxe moi clara nas eleccións autonómicas".

O secretario provincial do PSdeG na Coruña visitou este domingo a comarca da Mariña lucense no marco da campaña pola secretaría xeral, un camiño que definiu como "moi ilusionante" e no que quere "reconectar ao partido cos galegos".

Respecto á "mensaxe" da sociedade galega nas pasadas autonómicas, Formoso indicou que "o proxecto para Galicia non conecta coa sociedade" se os cidadáns "outorgaron a súa confianza para que Sánchez gañase as xerais en Galicia, ás 111 alcaldías gobernadas por socialistas, as tres das catro Deputacións provinciais", pero non a nivel autonómico.

Por todo isto, Formoso asegura que "a militancia pide unha revolución, un cambio". "Son moitos os temas que necesitan do PSdeG, da social democracia, que é a ideoloxía que protagonizou os mellores cambios deste país", explicou o presidente da Deputación da Coruña.

Outro dos motivos para esa reconexión, sinalou, é "evitar que as políticas de dereitas se implanten na Comunidade". "Galicia non é do PP, é de quen a entenda e temos a responsabilidade de aspirar a gobernar Galicia, non conformarnos con ser a terceira forza", aseverou.

"UN PSdeG QUE DEFENDA O SECTOR INDUSTRIAL"

González Formoso apostou na Mariña por "un PSdeG forte, que defenda ao sector industrial e aos seus traballadores fronte á inacción da Xunta de Galicia". "O que queira apostar polos recursos naturais de Galicia ten que apostar por Galicia e por xerar emprego na nosa terra, xa que o futuro destes pobos da Mariña depende de que a mocidade quede e teña a posibilidade de desenvolver aquí a súa vida sen ter que marchar en procura de oportunidades laborais", afirmou o candidato.

Formoso tamén abordou a situación da sanidade, respecto do que o secretario provincial afirmou, rotundamente, que "Burela non pode ser a PAC da Mariña". Neste sentido, fixo referencia á "importancia" de defender o hospital de Burela "fronte ás ameazas", "dotándoo de recursos e do persoal especialista adecuado para prestar un servizo tan importante como é o da sanidade".

"OS CANDIDATOS TEÑEN QUE RESPONSABILIZARSE"

A estes temas tamén se referiu o candidato nunha entrevista concedida a RNE Galicia e recollida por Europa Press, na que incidiu na "mensaxe clara" que enviaron os galegos en xullo do ano pasado respecto ao proxecto socialista. Ante isto, "débese responder e dar un paso adiante para ofrecer un modelo de partido distinto", sinalou.

Con todo, recoñeceu que o seu "proceso de reflexión" xa viña "de antes". "Antes das eleccións municipais, nun momento no que se deron certas formas internas de interferencias na designación de candidaturas de ámbito municipal; estaba a interferirse nas decisións das asembleas de certas cidades. Aí xa intuímos que o modelo de partido non se acomodaba ao que moitos pensabamos", explicou Formoso.

González Formoso, aínda que indicou que "isto non vai de triunfos e perdas", si recoñeceu que "os candidatos que conforman o proxecto teñen que responsabilizarse dos resultados". "Se gobernamos a nivel estatal, en tres deputacións e 111 alcaldías, pero a nivel autonómico caemos ata os sete ou oito deputados, seguimos igual?. Cada un ten que responsabilizarse do proceso que lle toca", opinou o candidato.

Preguntado por se habería algún tipo de receo polo seu marcado municipalismo, Formoso cre que "iso está superado". "Os socialistas do S.XXI superaron os debates localistas, pero o PSdeG tampouco debería entrar niso", comentou.

Neste sentido, Formoso recalcou na súa intención de apostar por un "proxecto aglutinador, aberto a todo tipo de sensibilidades e de respecto á pluralidade e diversidade", e que abrace a "idiosincrasia" de todos os territorios, permitindo "despregar políticas socialdemócratas" en Galicia.

PRIMARIAS EXPRESS

O secretario provincial da Coruña tamén comentou o proceso de primarias en si mesmo, "un proceso arriscado, pero valente". "Quen cre na democracia, non debe terlle medo. Estamos aquí non só para preservala, senón tamén para exercela. Así, os compañeiros poden decidir, avaliar distintas sensibilidades e modelos de xestión orgánica. Hai que gozar do proceso", apuntou Formoso. "Aquela persoa que non permita cicatrizar o partido, que permita que subsista unha fractura tras as primarias, non merece ostentar a Secretaría Xeral", aseverou.

O candidato recoñeceu que "non ten moito sentido que o congreso sexa un mes despois das primarias. Deberían fomentarse as candidaturas, sen medo democracia, para poder avaliar as posibilidades que ofertan os compañeiros. Canto máis acurtamos prazos, máis acoutamos opcións", lamentou Formoso.

"SOMOS DE ESQUERDAS"

González Formoso tamén aproveitou a entrevista para desmentir as declaracións dalgúns membros do PSdeG que relacionaban a candidatura do presidente da Deputación da Coruña con "o pasado escuro" do socialismo e cun perfil máis de dereitas.

"A sociedade galega e o partido non poden vivir de clichés. Nunca recortamos en políticas sociais, senón que en cada orzamento, aumentamos. Por exemplo, o orzamento da deputación aumentou nun 138% para protección social e un 65% para políticas activas de emprego", asegurou. "Claro que somos de esquerdas, pero non porque o dicimos, senón porque o aplicamos onde gobernamos", recalcou.

González Formoso normalizou os cambios máis recentes na secretaría xeral do partido. "Cando a sociedade galega non valida un proxecto, o partido debe reaccionar. A continuidade non é garantía de éxito", comentou.

Respecto ao partido, o candidato comentou a situación doutro exsecretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, para o que pediu respecto. "Sufriu unha persecución inxusta durante moito tempo, unha visión que comparte todo o partido. Hai que deixar que resolva a súa situación persoal, que se recupere", dixo.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na Mariña lucense. PSDEG
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na Mariña lucense. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta