Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 14:03
O Goberno galego decretou tres días de loito oficial en Galicia tras a morte de forma repentina do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o pasado mércores mentres se atopaba traballando no complexo administrativo da Xunta en San Caetano. O Diario Oficial de Galicia publica unha nova edición, tras a reunión do Executivo autonómico, na que se declara loito oficial en Galicia desde as 00,00 horas deste 7 de outubro ata a medianoite do sábado 9 de outubro.
Nos días que dure o loito oficial ondearán a media hasta as bandeiras oficiais en todos os centros e edificios públicos dependentes da Xunta. Tras o Consello, numerosos funcionarios e todos os membros do Goberno galego, con Alberto Núñez Feijóo, renderon homenaxe a Valeriano Martínez nun longo 'minuto de silencio' que durou durante case cinco e que concluíu cun aplauso.
Outro acordo do Executivo que tamén ratifica o DOG é que ata o nomeamento do novo titular da Consellería de Facenda, encárgaselle o despacho do departamento ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda. A encomenda, segundo recolle o texto asinado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e que xa foi publicado nunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia (DOG), é temporal, ata que se nomee un novo titular do departamento autonómico.
O decreto fai constar que o falecemento de Martínez fai preciso proceder a esta encomenda, que recae no vicepresidente primeiro da Xunta. Rueda terá que estar á fronte da Consellería de Facenda ata que Feijóo designe a substitución de Valeriano Martínez. O seu falecemento repentino deixa, ademais da consternación e tristeza da súa contorna e do equipo do Goberno de Galicia, un baleiro político nun momento orzamentario clave, posto que está pendente de ser presentado o proxecto de contas autonómicas para o ano 2022.
De feito, tras o Debate sobre o Estado da Autonomía, convocado para a semana próxima, a previsión do Executivo autonómico era axustarse ao calendario regulado e o seguinte paso previsto sería aprobar os orzamentos autonómicos para o exercicio próximo, co fin de que puidesen entrar na Cámara antes do 20 de outubro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.