Por Galicia Confidencial | Madrid | 10/10/2021 | Actualizada ás 22:00
Hai acordo científico: os incendios forestais serán cada vez máis recorrentes e virulentos, axudados polos efectos do cambio climático e o abandono do rural. En outubro de 2017, a enorme vaga de lumes que asolou Portugal, Galicia e Asturias levou á Unión Europea (UE), a través do EU Science Hub —o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea—, a emitir un comunicado no que alertaba de maiores e máis intensos incendios no futuro e das graves consecuencias que terán para a saúde pública pola contaminación do aire. Os expertos confirmaban unha tendencia cara a tempadas de fogos máis longas e intensas en Europa e rexións veciñas, con incendios que se sucederán ao longo de todo o ano, e non só en tempada cálida, e máis devastadores. Pero cales son os cálculos que se fan? Agora, novas achegas científicas insisten nese escenario, prognosticado por máis estudos, e aportan máis datos e advertencias sobre ese impacto.
Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estiman que, debido ao quecemento global, a área propensa aos lumes forestais no planeta aumentará, de media, un 27%. Dos datos obtidos do seu estudo destacan –e pode sorprender– que os maiores incrementos se darán na zona climática boreal (subártico), cun aumento do 95%, seguida da tépeda (a nosa), cun incremento do 17%. E constatan “alongamentos significativos” das tempadas de incendios.
“As nosas estimacións da expansión mundial de áreas propensas a incendios resaltan o grande pero desigual impacto medioambiental do quecemento global”, expoñen os autores do traballo.
Prevese que a superficie propensa a incendios na zona subártica experimentará unha expansión do 94,9% no peor dos escenarios do cambio climático
A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións sobre o cambio climático, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 –escenarios intermedios– son de estabilización, e o RCP8.5 é o extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. O RCP4.5 (intermedio) e RCP8.5 (extremo) son os escenarios cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases. Para o estudo aquí exposto, os investigadores da USC fixeron as súas predicións considerando o escenario máis pesimista.
“Espérase que o quecemento global altere o potencial dos incendios forestais e a gravidade da tempada de lumes, pero a magnitude e a localización dese cambio aínda non están claras”, recoñecen os investigadores da USC, que mostran como “o clima determina en gran parte a propensión das rexións aos lumes e as tempadas de incendios, independentemente da natureza do axente de ignición”.
Os seus resultados mostran que se prevé que as zonas propensas a incendios en climas temperados e especialmente boreais experimentarán a maior expansión e tamén o alongamento máis significativo das tempadas de lumes cara a finais deste século, froito do aumento das temperaturas. Porén, nas zonas tropicais agárdanse poucos cambios neste sentido, segundo os resultados obtidos.
Mais, engaden, “é probable que o quecemento global faga que o risco de incendio sexa máis grave en todas partes e, en particular, nalgunhas rexións como o Mediterráneo europeo e a Amazonía oriental, onde tamén se prevé unha importante diminución das precipitacións durante as potenciais tempadas de lumes”.
Os lumes en zonas climáticas tépedas experimentarán unha “considerable expansión” que calculan nun 17,1%, sendo o sur de Europa unha das áreas máis afectadas
Os expertos advirten de que, en xeral, as condicións favorables para os incendios irán en aumento e, con isto, producirase un incremento potencial da actividade dos lumes e da superficie queimada en moitos lugares.
Con todo, observaron “variacións significativas” na extensión das futuras áreas propensas ao lume. Debido ao quecemento global, prevén que os fogos en bosques boreais se estenderán por unha área máis grande, alcanzando a maior parte do norte de Escandinavia e experimentando unha expansión cara ao sur e norte de Canadá, Alaska e Rusia. En concreto, calculan que a superficie propensa a estes lumes máis setentrionais experimentará unha expansión do 94,9%.
Os incendios en latitudes medias, en zonas climáticas tépedas como na que se sitúa Galicia, tamén experimentarán unha “considerable expansión” que calculan nun 17,1%. Nesta zona climática, estiman que os cambios máis notables se produzan no sur de China, no leste de Australia, no sur de África e no sur de Europa.
Tanto nas zonas boreais como nas tépedas prevese un alongamento das tempadas de incendios, debido a un aumento de combustibles máis secos.
Mentres, nas zonas tropicais calculan que haberá menos cambios espaciais, cunha expansión das áreas propensas aos lumes do 4,5%.
Pola contra, nas zonas de clima árido, as áreas propensas aos fogos reduciranse nun 8,7%, algo que se explica pola redución de combustible froito da desertización. “Non obstante, hai unha incerteza significativa nesta rexión”, apuntan.
Os resultados do estudo foron adiantados recentemente nun preprint (pendente de revisión para a súa publicación nunha revista científica) polos físicos Martín Senande Rivera, Damián Insua Costa e Gonzalo Míguez Macho.
OS INCENDIOS ESTÁN MUDANDO EN EUROPA
Á par, 98 científicos de 31 países veñen de publicar un informe sobre os lumes en Europa. Estes expertos coinciden en que “os cambios no clima, no uso da terra e a xestión desta afectan a ocorrencia e a gravidade dos incendios forestais en moitas partes do mundo”, algo que “é particularmente evidente en Europa, onde os cambios en curso no uso da terra modificaron fortemente os patróns de incendios durante as últimas décadas”, explican.
Aínda que destacan o valor que reportan os datos satelitais do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, proporcionando estatísticas de lumes a grande escala nos países, consideran que “existe unha necesidade crucial de recompilar e resumir análises locais en profundidade e comprensión sobre os incendios e os desafíos asociados en toda Europa”. Por iso, decidiron reunir o coñecemento acumulado en cada país para facer unha descrición xeral dos patróns e desafíos actuais dos lumes forestais percibidos polas autoridades de cada Estado, complementada coas estatísticas nacionais de incendios para o período 2009-2018.
En España “está a aumentar o risco de lumes forestais e a probabilidade de que sexan maiores, máis intensos e máis devastadores”.
Para cada un dos 31 países incluídos, presentaron unha perspectiva escrita por científicos e outros expertos, co aval da Comisión Europea, co obxectivo de compartir coñecemento e mellorar a comunicación sobre os incendios forestais.
Os principais desafíos identificados foron a falta de rexistros consistentes e detallados de incendios forestais, dentro e entre países, un aumento dos lumes que supoñen un risco para as propiedades e a vida humana debido ás altas densidades de poboación e a expansión de asentamentos humanos en áreas forestais, e a opinión de que, independentemente dos cambios na xestión da terra, é probable que o cambio climático aumente a frecuencia e o impacto dos incendios forestais nas próximas décadas.
No caso de España, salientan que “a actividade de incendios durante a última década pasou do combustible limitado, a ser fortemente impulsada polo seu clima mediterráneo e por factores socioeconómicos”. Nesta liña, advirten, “as secas anuais e interanuais durante o período estival son frecuentes e, polo tanto, hai vexetación dispoñible para arder en gran parte do territorio”.
Durante a década 2009-2018, a tendencia dos lumes forestais en España é positiva, xa que, como se apunta neste informe, se observa “unha redución progresiva dos incendios e da superficie queimada”, segundo as estatísticas estatais oficiais recollidas polos expertos.
Esta evolución, apuntan, “pode explicarse, polo menos en parte, por dous factores principais”. “En primeiro lugar, a mellora progresiva e a eficiencia da resposta de emerxencia. En segundo lugar, o éxito da prevención de riscos en certas áreas que investiron na redución do número de ignicións e na xestión do combustible”, enumeran.
Con todo, advirten, “malia a tendencia negativa na actividade de incendios na última década, o risco de ter grandes e intensos incendios forestais aumentou” debido a “factores como o cambio climático e a acumulación de combustible como consecuencia dos cambios sociais (por exemplo, o abandono rural, o cambio de uso do solo, unha vulnerabilidade na interface urbano-forestal)”, os cales “están a aumentar o risco de lumes forestais e a probabilidade de que sexan maiores, máis intensos e máis devastadores”.
Tamén hai que salientar deste informe o caso de Portugal, pola súa veciñanza e polas interaccións que se producen na fronteira con Galicia, con lumes que se expanden dun a outro lado da fronteira. Así, o informe destaca que o territorio luso é o que rexistra maior número de incendios no sur de Europa. Só entre os anos 2000 e 2018 arderon máis de 2,5 millóns de hectáreas, con especial incidencia en 2003, 2005 e 2017.
Os expertos salientan o "esforzo investigador" do Goberno portugués como resposta aos incendios de 2017, que tamén afectaron a Galicia
Os científicos describen o réxime de incendios en Portugal como resultado da interacción de diversos factores, como as condicións meteorolóxicas, as características da paisaxe, as topográficas específicas que dificultan as actividades de supresión do lume e aumentan a propagación do lume, e as antrópicas (humanas), como o abandono de terras que está a aumentar nas últimas décadas.
De cara ao futuro, en Portugal “agárdase que o cambio climático aumente a superficie queimada”, advirten os expertos, que salientan a “forte resposta” do Goberno portugués, especialmente a raíz dos incendios de 2017, que tamén afectaron a Galicia. Desa resposta, destacan a creación dunha axencia dedicada a coordinar as accións sobre os incendios forestais e o financiamento dedicado á investigación aplicada de lumes forestais.
“Este esforzo investigador levou a que se dispoña de máis información e ferramentas para que os xestores de incendios poidan avaliar e comprender o réxime de incendios, a dinámica e a recuperación postincendio, contribuíndo a mitigar os impactos de eventos de lumes graves”, detallan os autores do informe.
Entre eses exemplos enumeran investigacións para comprender o comportamento do lume, os vínculos entre o clima e a actividade dos incendios, o factor humano e os usos da terra, a severidade dos lumes e os patróns de recuperación da vexetación empregando métodos como a teledetección, a análise estatística, o modelado numérico ou a protección e rehabilitación do solo postincendio e metodoloxías de apoio á toma de decisións sobre paisaxes propensas ao lume.
ABANDONO DO RURAL E ENVELLECEMENTO EN GALICIA
Unha tese doutoral defendida este ano na Universidad Pontificia Comillas (Madrid) polo investigador Jaime de Diego Abad afonda na vulnerabilidade socioeconómica existente que afecta aos incendios forestais en Galicia.
A investigación, que se realizou na Cátedra de Catástrofes da Fundación AON, identifica como vulnerabilidades o abandono do rural, o envellecemento da poboación, a falta de xestión do territorio, o desemprego e a desvalorización dos montes, entre outras.
"O abandono progresivo das zonas rurais é un dos problemas máis importantes que aumenta a ocorrencia de incendios"
Os resultados, segundo o autor da investigación, “mostran que os factores socioeconómicos relacionados coa vulnerabilidade afectan a cantidade de incendios forestais e o alcance da destrución que causan”.
“De feito, o abandono progresivo das zonas rurais é un dos problemas máis importantes que aumenta a ocorrencia de incendios forestais. Este abandono está ligado a factores poboacionais como o envellecemento ou baixa densidade de poboación, factores económicos como a diminución dos ingresos ou o baixo valor catastral, e factores territoriais como a diminución de hectáreas rústicas e granxas”, reflexiona Jaime de Diego Abad, que destaca que “a prevención e mitigación centradas en áreas propensas a incendios forestais poderían mellorarse tendo en conta estas variables”.
É por isto que considera “necesario incrementar o gasto público en prevención e mitigación de incendios forestais e desenvolver estratexias de anticipación”. “Esta debería ser a prioridade, en contraste coa práctica máis común de priorizar as accións de emerxencia”, propón o investigador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.