Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/10/2021 | Actualizada ás 13:27
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena de 14 meses de prisión para un veciño da cidade herculina que matou a dúas crías de gato na rúa.
Segundo informa a Audiencia, ratifícase así a pena imposta polo Xulgado do Penal número 2 da Coruña. Ademais da pena de cárcere por cometer dous delitos de malos tratos a animais domésticos, foi inhabilitado, durante catro anos, para toda profesión relacionada co coidado de animais ou tenencia dos mesmos.
Tal e como explica o maxistrado de primeira instancia na sentenza, ao redor das as 22 horas do día 24 de setembro de 2018, na zona de Eirís de Arriba, o acusado comezou a golpear co pau dunha escoba a seis crías de gato, que vivían nun tobo da zona e eran alimentadas polos veciños.
Un residente no barrio, segundo consta no apartado de feitos probados da resolución, chamoulle a atención, ante o que o condenado "incrementou a brutalidade": colleu a dous das crías polo rabo e, tras darlles voltas, estampounas contra o capó dun coche e cara a un tellado. Como consecuencia dos feitos, faleceron.
O xuíz destaca ademais que o condenado non cesou no seu comportamento cando lle chamaron a atención, o que proba a súa "clara intención de seguir ata que os gatos van falecendo". O maxistrado indica que as probas son "claras", pois o testemuño do veciño, "que ningunha relación ten co acusado", está corroborado tanto polos axentes da Policía Local que se trasladaron ao lugar dos feitos como polas fotografías que realizaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.