As "macrogranxas" de Galicia: líderes no sector pero tamén en contaminación

Galicia é a segunda CCAA que máis contribúe á crise climática polas emisións destas granxas, segundo Greenpeace.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O movemento ecoloxista de Galicia mantense en pé de guerra contra as macrogranxas da Comunidade. Na Semana de Acción contra a Gandaría Industrial, diversas plataformas veñen de emitir estudos nos que poñen cifras aos niveis de contaminación que estas instalacións provocan sobre o medio galego. Primeiro foi Ecoloxistas en Acción, cunhas denuncias xa cubertas polo Galicia Confidencial, e agora é Greenpeace.

Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia
Camión de Coren descargando purin de granxas de polos nunha leira do Val da Limia | Fonte: MEL

O informe Macrogranxas, veleno para a España rural. Efectos ambientais da gandaría industrial desvela, a ollos da plataforma, o “enorme” impacto ambiental que derivaría dunha expansión da gandaría industrial que a asociación ve “descontrolada”. Neste marco de dano ao medio ambiente, Galicia xogaría un papel central ao tratarse da segunda comunidade autónoma que “máis contribúe” á crise climática como consecuencia das explotacións porcinas, avícolas e demais. 

“Galicia caracterízase por ser a comunidade autónoma con maior produción de alimentos de orixe animal”, aseveran da plataforma, que destacan o papel da comunidade galega como primeiro produtor lácteo do Estado español, fito próximo aos grandes datos de cabezas avícolas e de gando.  O que a nivel económico fai do sector primario galego un alicerce, a nivel ambiental ten consecuencias fortes que farían da comunidade galega a segunda “con maior xeración de gases de efecto invernadoiro provocadas pola gandaría”, chegando ao 12% do total estatal.

COREN E OS VERTIDOS NOS ENCOROS

Por outro lado, Greenpeace fai fincapé no “grave problema” da contaminación da auga por nitratos, é dicir, o resultado ambiental dos vertidos de puríns e xurro en grandes masas acuáticas. Galicia é a comunidade onde máis medrou esta contaminación nos últimos anos, un 201%, é dicir, a súa contaminación multiplicouse por 4”, cifran dende a plataforma. “A pesares disto, e ás chamadas de atención da Comisión Europea, que se fai visíbel co caso paradigmático do encoro das Conchas, segue a ser das poucas comunidades autónomas que non declarou nin unha soa hectárea como Zona Vulnerable aos Nitratos”, inciden.

Greenpeace sinala directamente á cooperativa Coren polos vertidos denunciados nos últimos anos nos encoros da Limia. “O Grupo Coren foi un gran motor económico de Galicia, mais tamén o maior impulsor do modelo de gandaría industrial que coloca a Galicia á cabeza das comunidades autónomas con maior responsabilidade na emisión de gases de efecto invernadoiro provocada pola gandaría. Coren debe deixar de agachar a cabeza debaixo da terra, asumir as súas responsabilidades e promover a necesaria e urxente transformación cara a un modelo agroalimentario que non esnaquice ao planeta”, declarou Manoel Santos, coordinador da plataforma en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta