Unha manifestación pide que o galego-asturiano sexa oficial en Asturias

A mobilización, celebrada en Oviedo, pide o recoñecemento da lingua porque "amplía dereitos e liberdades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Unha multitudinaria manifestación percorreu este sábado o centro de Oviedo para esixir a oficialidade das linguas asturiano e galego-asturiano. A mobilización partiu da Estación do Norte, en Oviedo, e terminou na Praza da Catedral, onde leron un manifesto.

Manifestación pola oficialidade do asturiano e o galego-asturiano
Manifestación pola oficialidade do asturiano e o galego-asturiano | Fonte: EP

A convocatoria correu a cargo da Xunta pola Defensa da Llingua, cuxos responsables insisten en que a oficialidade soamente significa recoñecer legalmente o dereito que ten calquera persoa para usar libremente a lingua propia nun territorio. Así, consideran que esa oficialidade supón un avance democrático porque "amplía dereitos e liberdades cidadáns".

Consideran que actualmente os falantes do asturiano e do galego asturiano non teñen recoñecido legalmente o seu dereito para expresarse nesas linguas. "Por que teñen menos dereitos que os falantes de linguas doutras comunidades?", preguntáronse, reivindicando o mesmo trato institucional e mesmo réxime de protección que teñen as demais linguas do estado.

O Estatuto de Autonomía de Asturias, aprobado en 1981, xa contempla a protección do asturiano (' bable') no seu artigo 4 e di que se promoverá a súa difusión nos medios de comunicación e o seu ensino, respectando as variantes locais. No ano 1998, con Sergio Marqués (PP) como presidente de Asturias, aprobouse a lei de uso e promoción do  bable/asturiano, que actualmente regula a protección do idioma.

A actual normativa, con todo, non é suficiente para os participantes na manifestación deste sábado, que esixen que o asturiano e o galego asturiano sexan oficiais e gocen da mesma protección e desenvolvemento que outros idiomas do país, como o catalán ou o galego. O contrario é unha discriminación, alegan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta