O radon aumenta entre un 25 e 45% o risco de cancro de pulmón se interactúa co tabaco

O especialista en Medicina Preventiva Miguel Barros falará da problemática ambiental en Galicia, explicando o radon domiciliario e nos postos de traballo, e os riscos para a saúde da poboación

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/10/2021 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

Juan Miguel Barros, especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública e responsable do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago (USC), advirte que a  interacción da exposición do gas radon co tabaco multiplica o risco entre 25 e 45 veces de padecer cancro de pulmón. De feito, a exposición prolongada ao radon é un factor de risco no desenvolvemento do cancro de pulmón en seres humanos, e así está recoñecido pola Organización Mundial de la Salud (OMS).

Medidor de radón da USC. USC
Medidor de radón da USC. USC

Barros suliña que é o gas radon como constitúe un risco para a saúde da poboación xeral, especialmente, o radon domiciliario ou dos traballadores (radon nos postos de traballo) nun momento na que a  publicación da nova sección HS6 do Código Técnico da Edificación (CTE) ten como obxecto protexer á poboación dos efectos perniciosos sobre a saúde que poden derivarse da exposición prolongada a concentracións elevadas de gas radón no interior de los edificios. 

Juan Miguel Barros participará no ciclo de conferencias sobre arquitectura e saúde “A Casa Invisible”, no que se analizan aspectos descoñecidos das vivendas que teñen que ver coa saúde e o benestar dentro delas.  No acto, que ten lugar este martes, na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, tratará sobre “Radon e saúde. Implicacións sanitarias económicas e sociais”.

Así, o relator analizará tamén cuestións relacionadas coa identificación do seu impacto, protocolos e a lexislación fronte ao radon e as posibles solucións, en concreto sobre as medidas de redución do gas no proceso construtivo.

RADIOACTIVIDADE

O radon é un gas nobre, incoloro, inodoro, insípido que se xera na cadea de desintegración radioactiva do radio, que a súa vez procede do uranio que de forma natural está presente na cortiza terrestre en cantidades variables dependendo da composición de rochas e solo. O radon, no seu proceso de desintegración, produce partículas radioactivas. 

Barros sinala que se atopa no subsolo, sobre todo nas rochas ricas en uranio 238, como o granito, polo que Galicia sitúase como “unha das principais zonas de España con maiores niveis de contaminación das súas casas e postos de traballo”. 

O doutor apunta que o radon atópase no aire interior dunha vivenda, suspendido ou desprazándose segundo as correntes aéreas o movan. Xeralmente indica que, por ser lixeiramente máis pesado que o aire, soe estar nas zonas baixas dos edificios, pero as correntes de aire fano ir cara pisos superiores a través de escaleiras, ascensores, cámaras de aire ou chemineas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta