Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/10/2021 | Actualizada ás 21:15
A parroquia de Transmonte acolle esta I Edición da Feira do Monte “Monte Tanto”, un evento co que se pretende valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Produtores e profesionais que traballan este eido congregaranse na xornada deste sábado para dar a coñecer "todo o que de si poden dar as fragas cando se coidan". A feira comezará ás once e media da mañá e finalizará ás sete e media da tarde. Segundo indican dende a concellaría de Medio Amiente do Concello de Ames, área organizadora, o obxectivo do evento é "valorizar e dar importancia á diversidade das fragas mixtas e amosar a gran variedade de produtos que obtemos delas".
En concreto, na Feira "Monte Tanto" haberá unha xornada de portas abertas de gandaría extensiva exposicións de cogomelos, colmeas antigas e modernas, panais e instrumentos de apicultura e pequenos froitos, presenza de artesáns da cestería e da madeira, mostra dos cereais que se poden cultivar no monte e degustacións de froitos e aceites.
Para Manuel Lens, concelleiro de Medio Ambiente, a Feira nace cunha clara vocación de continuidade: “Queremos que esta sexa a primeira de moitas feiras; consideramos que poñer en valor o monte, dar a coñecer as súas posibilidades de explotación e amosar como se lle pode sacar rendemento son cuestións que probablemente contribuirán a que as nosas fragas estean mellor coidadas e, en consecuencia, teñan menos perigo, por exemplo, de ser pasto de lumes ou de abandono”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.