O Sindicato Labrego Galego considera "pésima" a nova PAC para Galicia

"Ningunha das reivindicacións galegas saíron adiante, coa única excepción do pago asociado por vaca de leite que, como sempre, non pasa dunha compensación como territorio polo desastre que supón para o noso país o deseño de pagos por superficie", explicaron.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2021 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego rexeitou o Plan Estatal para a Política Agraria Común (PAC), que consideran "pésima" para Galicia e elaborada "ás costas" da Comunidade. Segundo sinalaron nun comunicado, a aplicación estatal da política europea "dá as costas" aos sectores galegos por excelencia: o leite e a carne de bovino. "Estas políticas pensadas desde o centro consideran a Galicia insignificante", aseguran.

Isto, indican, parecía responder a unha "inclinación xenérica" da PAC cara a modelos de agricultura "afastados da cornixa cantábrica" pero aseguran que hai outras rexións, dentro da cornixa, "con condicións específicas moi vantaxosas".

"Ningunha das reivindicacións galegas saíron adiante, coa única excepción do pago asociado por vaca de leite que, como sempre, non pasa dunha compensación como territorio polo desastre que supón para o noso país o deseño de pagos por superficie", explicaron. "Nada se axusta á nosa realidade", lamentan; algo que debería deseñarse durante as reunións entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as consellerías.

REUNIÓN PARA O PLAN ESTATAL

A este respecto, indican que o modelo recolleito no acordo alcanzado entre gobernos non recoñece "a situación real do campo galego". "Esta nova reforma deixaranos, outra vez, entre as comunidades cos pagos máis pequenos por persoa activa agraria e con maior número de persoas agricultoras a título principal que non cobran PAC", insistiron.

Este xoves 21 de outubro o ministro de Agricultura, Luís Planas, reunirase en Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas para "informalas do estado dos traballos de redacción" do Plan Estratéxico Nacional da PAC e presentarlles o resultado dos grupos de traballo sobre os ecoesquemas.

Destas conferencias sairá o acordo definitivo para a aplicación da PAC a partir de 2023 pero o SLG considera que a negociación "chega feita e a porta pechada". "Resulta inaudito que unha reunión deste calado teña lugar oculta á cidadanía, e de costas ao sector agrario e gandeiro", lamentan sobre unha política "discriminatoria e inxusta" para os galegos.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG
Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta