Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 14:31
O anuncio da Xunta de que impoñería unha moratoria á presentación de novos proxectos eólicos no próximo ano e medio vén de caer como unha pedra sobre a patronal do vento en Galicia. A EGA (Asociación Eólica de Galicia) vén de amosar a súa sorpresa ante a medida da administración autonómica, que ata o momento amosou unha política de completa man aberta no tocante ao negocio eólico da Comunidade.
"Sorpréndenos que a Xunta de Galicia, coa que mantiñamos unha interlocución fluída e propia dun sector que é transcendental para Galicia en canto a implantación de enerxías renovables e urxente recuperación económica, actúe con estas formas tan inadecuadas e prexudiciais para todos", destacan dende a patronal, que acusa á administración autonómica de paralizar o sector.
De igual forma, afean que a decisión se produza sen "debate" previo, isto é, sen establecer contactos antes coas empresas eólicas, que denuncian que a EGA "non dispoñía de información previa nin foi contactada con antelación pola Xunta para coñecer a valoración do sector respecto ao citado proxecto lexislativo". "Só foi informada ao día seguinte da súa aprobación por parte do Consello de la Xunta, que se celebrou o pasado luns", subliñan.
Neste aspecto, consideran "inaceptable" que medidas "de semellante transcendencia" se adoptaran sen consultalos. En todo caso, destacan dende a asociación, esta aínda está á espera de posuír a documentación oficial para poder avaliar a súa transcendencia. De feito este xoves realizou unha xuntanza da directiva para analizar as consecuencias da medida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.