Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2021 | Actualizada ás 21:00
Galicia é unha das principais áreas do Estado onde o sector primario segue a supoñer unha porcentaxe importante da produción económica. Este papel punteiro da produción agrícola e agroalimentaria ten os seus pros e os seus contras. Entre estes últimos, destaca a contaminación producida polas "macrogranxas" --xa denunciada semanas atrás por plataformas verdes-- e o impacto dos herbicidas e pesticidas.
É por esta razón que a Comunidade Galega non escapa ao estudo que Ecoloxistas en Acción vén de desenvolver sobre a presenza de glifosato nos terreos e augas do Estado. O traballo analiza a presenza do herbicida nas augas superficiais e subterráneas a partir dos datos das demarcacións hidrográficas do Estado durante o período 2015-2019. Os resultados conclúen que o glifosato contamina o medio acuático e que, a ollos da asociación, "é necesaria a súa prohibición".
Os datos, proporcionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en resposta a unha petición ambiental formulada por Ecoloxistas en Acción, mostran unha presenza de glifosato que a plataforma coida "elevada" en todas as demarcacións hidrográficas nas que se realizaron análises de control deste contaminante, chegando alcanzar niveis "centenares de veces superior aos valores límite legais" en certos puntos.
PIDEN A PROHIBICIÓN
"O glifosato foi detectado no 31 % das augas superficiais", destacan dende a asociación, que asegura que os límites legais se superaron nun 22% das mostras. No caso das augas subterráneas, os niveis respectivos descende ata o 11% das mostras e o 7% no tocante aos incumprimentos. Aínda que as cifras son relativamente reducidas, dende a asociación aseguran que algunhas das superacións dos valores límite "poden ser clasificadas como de extremada preocupación por detectarse concentracións do praguicida centenares de veces superiores aos valores de referencia".
Á luz da "elevada contaminación do medio acuático", Ecoloxistas en Acción recomenda ao MITERD e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que retire a autorización a aqueles praguicidas de uso agrario que conteñan glifosato e, da man disto, que redacte normas de mostraxe e análise de praguicidas en augas superficiais e subterráneas para que a información sexa completa, desagregada por territorios e comparable en canto a número de puntos de mostraxe e periodicidade das mostras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.