Denuncian unha nova privatización de servizos da Xunta, neste caso na xustiza

A CIG apunta a unha "externalización" de parte dos informes periciais, unha circunstancia que xa se tentou anos atrás e "non resolveu o atasco xudicial", malia saír "caro" á administración.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2021 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Nova denuncia da CIG contra a externalización de servizos por parte da Xunta de Galicia. A Confederación vén de apuntar ao anuncio do director xeral de Xustiza da administración autonómica sobre novos convenios de colaboración cos colexios profesionais para facer informes periciais dos xulgados, circunstancia que a ollos da CIG se dá "en vez de reforzar os equipos propios do IMELGA".

Juan José Martín, director xeral de Xustiza
Juan José Martín, director xeral de Xustiza

"A acumulación e os retrasos soluciónanse dotando de máis equipos psicosociais ao IMELGA non privatizando o servizo a través de colaboracións cos colexios profesionais de psicólogos e traballadoras sociais", apuntan dende a estrutura autómica do sindicato. Do mesmo xeito, denuncian as "contradicións" do director xeral de Xustiza da Xunta como "unha constante".

Neste aspecto, subliñan que o anuncio se fixera público no Congreso Internacional de psicoloxía xurídica e forense da Universidade de Vigo, xusto despois de que o director "gabara a actuación do persoal laboral da Xunta que conforma os equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galicia". Entón foi cando o cargo manifestou o seu compromiso para a celebración de convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicólogos e de traballadoras sociais.

PRIVATIZACIÓN "CARA E INEFICAZ"

A olaboración, explican dende a CIG, concretaríase coa posta a disposición de equipos destes colexios para que a dirección xeral, a través do IMELGA, lles encomende o desenvolvemento de informes necesarios. En principio, a privatización afectaría a asuntos de familia pero, de acordo coas mesmas fontes, "non parecen fechados a externalizar tamén asuntos penais".

Dende a CIG amplía que esta colaboración "pretendida polo director xeral xa se produciu no pasado e non resolveu o atasco xudicial". "Todo o contrario", aseguran: "resultou cara e ineficaz e debilitou a seguridade dos xuíces e fiscais á hora de valorar a proba pericial debido ás diferentes metodoloxías e protocolos de valoración aplicados polos diferentes equipos contratados, fronte a homoxeneidade conseguida entre as e os membros dos equipos psicosociais públicos".

Así é que a formación sindical rexeita frontalmente esta externalización de servizos a través da colaboración cos colexios profesionais, pretendida polo director xeral de Xustiza, e avoga polo incremento dos equipos técnicos do IMELGA para unha resposta efectiva e garantista dos distintos procedementos xudiciais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta