Teo volve celebrar o San Martiño e anima a ir en zocos

No 2020 non se puido celebrar por mor da pandemia pero este ano volve como manda a tradición. ”Este ano haberá música, artesanía, polbo e sobre todo cabalos!” indica María López, concelleira de Turismo e Cultura.

Por X.M. Fernández | Teo | 05/11/2021 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A feira cabalar que caracteriza ao San Martiño de Teo celébrase en Francos o 11 de novembro e leva facéndoo dende o século XV. A pandemia obrigou a cancelar a celebración o ano pasado máis este ano volve con forza. "Coa intención de reivindicar o carácter rural e cabalar da feira, farémolo cunha zona de artesás zoqueiras convidadas", sinala a concelleira de Turismo e Cultura, María López.

Cabaliños de pau. Foto: Concello de Teo
Cabaliños de pau. Foto: Concello de Teo

Dende a organización animan ás persoas que veñan ao San Martiño a vir en zocos.

A choiva e a lama na carballeira son tamén parte da tradición, e moitos anos tamén protagonistas da xornada xunto cos cabalos e os polbeiros. Por este motivo, dende a organización animan ás persoas que veñan ao San Martiño a vir en zocos. Ademais, piden que se suban as imaxes ás redes co cancelo #euvouaoSanMartiño21

PROGRAMACIÓN 

sábado 6 ás 20:30 h. arrinca o programa coa presentación do San Martiño 2021 e a proxección do himno da feira. A continuación haberá un concerto de Pauliña ás 21:00 horas. Trátase dunha proposta galega de country folk que comezou a súa carreira no 2018 e leva os últimos anos enchendo de ritmo e compromiso os seus espectáculos. A actuación é de balde pero controlarase o aforo polo que hai que reservar entrada.

Cabalos na Feira do San Martiño de Teo
Cabalos na Feira do San Martiño de Teo

O domingo 7 celébrase a Feiriña do San Martiño. Un encontro para que as crianzas teñan a súa xornada festiva ao redor do cabalo e da tradición. Haberá actividades para público familiar ao longo de todo o día na carpa institucional, xogos para familias na carballeira, obradoiros de zocos e de cabaliños de pau, e moita música. Para estas actividades non é preciso anotarse.

Pola mañá estará o cuarteto tradicional da Asociación Cultural A Mámoa de Luou. Durante toda a xornada tamén fará das súas o Paiaso Piter e a súa banda con actividades de circo, malabares, equilibrimos, zancudos.

Dos xogos en familia e dos obradoiros haberá varios pases e poderase facer tamén cos máis cativos/as unha ruta apego. A xornada pecharase cun concerto ás 17:30 horas de Pakolas e o seu espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita”. O acceso farase por orde de chegada.

A música seguirá sendo protagonista na véspera da feira do San Martiño. O mércores 10 ás 21:00 horas terá lugar o concerto de Os D´Abaixo. A banda folk conta entre os seus integrantes con referentes da música galega que veñen de Berrogüeto e Fía na Roca e cun integrante de Teo. Para asistir cómpre reservar entrada.

No día da feira, xoves 11 de novembro, a carpa institucional contará cun mercado tradicional no que haberá artesanía, viños teenses, mercado labrego e demostración zoqueira coa presenza de Elena Ferro. Tamén estará, na entrada da feira, a Barraca de Barriga Verde.

A animación correrá a cargo do Cego na feira --con Oli Xiráldez--, de Ce Orquestra Pantasma e do grupo Os Roncos da SR de Calo

"Olladas do San Martiño": a feira máis tradicional de Teo vista a través das redes sociais

O SAN MARTIÑO NAS REDES SOCIAIS

Dende Turismo do Concello de Teo pensaron este ano que a súa festa máis tradicional tiña que trasladarse ás redes sociais. Foi así como naceu a iniciativa "Olladas do San Martiño". “Queremos ver a feira a través de tres miradas distintas e queremos facelo nas redes sociais, porque alí tamén se vive unha feira histórica e tradicional como o noso San Martiño” explica a concelleira María López.

Os fotógrafos encargados de achegarnos o seu xeito de mirar serán o fotoxornalista Óscar Corral en instagram @oscarcorralfoto, Noel Feáns a persoa que está detrás da páxina en instagram @paisaxesgalegas e Charo Lopes en redes @umalopes.

O día do San Martiño vivirán a feira e irán compartindo en redes as súas imaxes para que os e as que non poidan estar teñan a oportunidade de facer un seguimento visual da mesma. A intención é logo poder facer unha recopilación dese traballo e editar un libro de fotos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta