Unha das cousas positivas da pandemia foi a explosión entre nós, e con enorme retraso verbo doutros sistemas culturais, dos podcasts, ou máis correctamente dito, programas sonoros accesibles en calquera momento na rede.
Tal é a emerxencia deles, máis en número que en ouvintes, todo hai que dicilo, pois o cliente potencial prefire escoitar a “Percebes y Grelos”, premio Ondas, e non aos seus amigos de Café Derby 21. En todo caso é un fenómeno interesante que xeran comunidade como o amosan Podgalego, TwitchenGalego e os 50 d´A Lobeira. Malia que a rapazada, e non tan rapazada, que os fai desinteresadamente xa pode ir de copas, a maioría (lamentablemente non os ourensáns de De Parola) recuncaron tralo verán.
Un dos máis interesantes é Fóra de Mapa. O dúo de María Sabarís, unha Zacandeira en Londres vía Bruxelas onde coñeceu ao vigués DosdoRei, xunta o oficio de xornalista dela e o enciclopedismo un tanto friqui del sobre pobos e minorías de Europa para facer un programa de divulgación quincenal que nada ten que envexar a “The Rest is History”, “Documentos RNE”, “RFI Géopolitique” ou “In our time” da BBC.
Recoñezo falta de parcialidade dado os vencellos familiares indirectos cun dos protagonistas, pero precisamente por iso me vou permitir lanzarlles unhas cantas pullas nesta columna. Xa o dicía a diva do cinema dos 60, Tsa Tsa Gabor, “o importante é que falen de ti, ainda que sexa mal”.
Pois ben: grazas a Fóra de Mapa aprendemos moitas cousas da minoría albanesa (de varios séculos, non daqueles que viñeron en barcos ateigados como en “Lamerica”) en Italia, ou dos colonos xermanos (bávaros) que desde a idade media ata ainda hoxe seguen a vivir na chaira da Padania. Por non falar da macedonia cultural da república homónima, ou os restos de presenza eslava nos Cárpatos e Balcáns que son os Arrumanos e Rutenos, ou os Frisóns esparexidos polo noroeste de Holanda as illas do mar do norte de Alemaña e Dinamarca, por non falar do suposto “único pobo indíxena de Europa” (os vascos e os galegos debemos ser uns arribistas logo), os mal chamados lapóns e autodenominados Saami.
Todo isto moi interesante e moi recomendable, mais segundo pasan os programas non deixa un de incomodarlle a liña editorial escollida en centrarse en minorías, pobos en franca retirada, posibles revival ecolóxico culturais (os Sami coma as baleas) e non centrarse en casos de éxito.
A incomodidade resulta en que semella demasiado habitual que os galegos busquen referentes en causas perdidas (os Gaélicos hiberno-escoceses, os Córnicos, os Mapuches) ou de moi difícil equiparación (os Saharauís, os Kurdos) e practicamente nada daqueles que estando anteriormente no camiño de saída da historia hoxe son sociedades plenamente establecidas.
Non, non vou falar de Israel outra vez, pero si dun dos meus sospeitosos habituais: os finlandeses. Non por certo vencello persoal co país senón por ser un pobo que viviu colonizado polos suecos (de feito eles crearon o pais) e onde estes eran a minoría que dominaba os resortes do xove estado fines ata ben pasado a metade do século XX. O curioso foi que os suecos de Finlandia se sumaron ao Rexurdimento finlandés (coincidente co noso no tempo e nos temas) e maioritariamente se operaron o haraquiri, caso insólito na historia, coma reacción á crecente presión do Imperio Ruso que lle rapuñara o pais a Suecia nas guerras napoleónicas. Hoxe os sueco falantes son unha minoría do 5% que intenta sobrevivir no mar finlandés e busca en Suecia o referente e no que como galegofalante un non se pode deixar de sentir solidario. Pois ben, o máis probable é que se adicase un Fóra de Mapa aos suecos de Finlandia e non buscar as claves do éxito dos finlandeses de lingua. O mesmo se pode dicir dos Estonios, o cal ten ainda mais mérito, pois eran un minúsculo pobo de labregos e pescadores ás portas da inmensa metrópole e daquela capital do imperio Ruso que era San Petersburgo. Pois non só o seu rexurdimento foi exitoso senón que sobreviviu a segunda ocupación mandada por Stalin a comezos da IIGM para despexar o acceso ao Báltico e o feito de que un terzo da poboación fosen á caída da URSS emigrados económicos rusos. O mesmo podemos dicir de Eslovacos, a punto de desaparecer ante a puxanza dos Húngaros convertidos estes en minoría maioritaria na metade oriental do Imperio Austríaco, ou dos Eslovenos, cuxo rexurdimento os salvou de converterse simplemente nunha praia de Austríacos, Italianos e mais recentemente de Serbio-Croatas.
Caso aparte son os pobos que basearon a súa estratexia de supervivencia en compartir lingua estándar cun pobo xa soberano, as veces artificialmente, coma o caso de Flamengos respecto a Holanda (malia estudarse holandés nas escolas, e ser o idioma no que se escribe e se fala no contexto formal ainda hoxe a miúdo poñen subtítulos para entenderse porque en Flandres fálanse linguas que teñen que ver co neerlandés o que o catalán co italiano). Outro caso notable é o de Quebec, unha illa de francófonos con acento ianqui e léxico premoderno, unha sorte de galego de Estremadura en Norteamérica.
O caso de Serbios e Croatas é moi curioso pois se ben se botaron o século XX a violentarse mutuamente, no XIX nos seus rexurdimentos respectivos decidiron compartir idioma: nin serbio nin croata senón Stokavio, que era unha fala intermedia entre as moi distantes variantes eslavas meridionais de Belgrado e de Zagreb. Outros coma os Africáner que podendo facer coma os flamengos fixeran co holandés decidiron crear a súa propia normativa, coma fixemos os galegos, ou de xeito mais folclórico ata hai pouco os luxemburgueses. Podiamos falar tamén do multilingüísmo plurinacional bolivariano, o suposto bilingüismo peruano e paraguaio, a dobre diglosia na India ou o plurilingüísimo oficial sudafricano verbo do todo inglés para crear un estado unitario, ou o tristemente falido federalismo de base cultural etíope ou o nixeriano, pero ca seria complicar o conto.
Dirá o lector ou tuiteiro avisado que boa parte destes casos de éxitos en Europa esta en que na maioría dos casos citados posuían unha igrexa autocéfala (tamén no caso de Romaneses e Búlgaros, durante séculos dominados por príncipes gregos baixo o xugo otomán) ou simplemente relixión diferente a da potencia dominante (caso dos luteranos estonios e finlandeses verbo dos ortodoxos rusos, católicos quebequeses verbo de anglosaxóns protestantes, ou case tódolos pobos balcánicos verbo dos turcos), e rapidamente se fará a ligazón coa autonomía da igrexa catalana e vasca coma razón do suposto éxito destes.
Seria coma sempre unha saída doada para explicar dinámicas complexas, eses determinismos pseudohisotricos as que nos gustan aos galegos para eximinírmonos individualmente e colectivamente de responsabilidade verbo do noso propio escuro pasado, anubrado presente e negro futuro.
A cuestión para os galegos (e certamente non so os ouvintes de Fóra de Mapa) e buscar abstraerse en referentes validos so coma contraexemplos pero dificilmente viables coma referentes de éxito.
E o caso é que Galicia é un caso de relativo éxito: temos autogoberno por primeira vez en séculos, a nosa lingua esta plenamente estandarizada non sufrindo o proceso de minoración das linguas italianas ou xermanas (pois en Italia e Austria-Suíza-Alemaña decidiron mais ou menos voluntariamente que unha das súas linguas fose a oficial e as outras chamáronlles e tratáronas de “dialectos”.
Nós temos un crecente numero de activistas dixitais que improvisan un castrapo que nin é portugués nin galego medieval, simplemente porque no mercado da vaidade postmaterial cada un escribe como lle peta e non se pode usar correctamente a mesma lingua ca eses funcionarios do PP que non o falan na intimidade. Supón unha labazada ós nosos devanceiros, aqueles que no noso Rexurdimento nos sacaron do abismo da barbarie. Pero isto dá para outra columna de facerse inimigos.