Feijóo di que sería "intelixente" potenciar "o ticket electoral Ayuso-Almeida": "É imbatible"

Evita pronunciarse acerca de se vería a Comesaña un bo candidato para o PP de Vigo, onde Fernández-Tapias e Guerra xa fixeron movementos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego manifestou este xoves que vería "moi intelixente" a opción de "potenciar o ticket electoral Ayuso-Almeida", convencido de que "é o que necesita" Madrid e de que resultaría "imbatible".

Así o manifestou tras ser preguntado, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, acerca de como vería o impulso dun acordo para dirixir o PP en Madrid no que a súa homóloga madrileña, Isabel Díaz Ayuso, fose a presidenta, e o alcalde da capital, José Luís Martínez Almeida, se situase como número dous.

Feijóo, quen a semana pasada lembrou que o "habitual" no PP é que os presidentes de comunidades tamén dirixan o partido nos seus ámbitos territoriais e que o que lle parecería "sorprendente" é que Ayuso non optase a facelo, remitiuse ás súas palabras da semana pasada e reiterou que non cambiou de opinión. Tamén subliñou que unha semana atrás dixo que o ruído político interno "non beneficia a ninguén" e celebrou que "diminuíse", convencido de que o PP de Madrid achará "a fórmula adecuada" para o éxito da formación.

Atopala, dixo, non corresponde aos dirixentes autonómicos e "nin sequera aos dirixentes do partido", senón que serán os militantes do PP de Madrid os que decidan quen lles preside unha vez que se convoque o congreso, na liña do que sucede naquelas autonomías nas que hai conclave. "Poderán decidir con liberdade e democracia interna que presidente do partido queren, como no resto de comunidades", subliñou, antes de aludir ao próximo congreso previsto en Andalucía e de engadir que agora se irá paulatinamente "consolidando o calendario" deste tipo de citas para ratificar as direccións.

"MOI INTELIXENTE" POTENCIAR O TÁNDEM

En todo caso, ante a pregunta formulada e a polémica aberta, o presidente galego proclamou que "potenciar o tiquet electoral Ayuso-Almeida" é o que "necesita" Madrid porque é "imbatible". "Sería moi intelixente potencialo", insistiu, antes de aludir aos bos resultados electorais de ambos e de remarcar que son o tándem ideal para "seguir gañando" comicios, "o que todos" desexan no partido, formen ou non parte da Comunidade de Madrid.

CONGRESOS LOCAIS EN GALICIA

Na rolda de prensa, en clave autonómica, tamén foi preguntado acerca de se sopesa o nome do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para ser candidato do PP en Vigo nas próximas municipais, pero Feijóo sorteou a cuestión afirmando que o procedemento non foi aberto e que el "non nomea a ninguén".

Feijóo recoñeceu que están pendentes de convocar os congresos nas urbes, aínda que xa se está avanzando na renovación local, unha vez celebrados os conclaves autonómico e os provinciais. Pero sobre Vigo, onde xa realizaron movementos Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta, e tamén o exconselleiro Javier Guerra, acompañado doutros dirixentes, e a opción de Comesaña, mantivo silencio.

"Eu non nomeo a ninguén e menos prescindindo do procedemento establecido", dixo, sen expresar a súa opinión acerca de se vería a Comesaña un bo candidato.

Feijóo, na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta.. XUNTA
Feijóo, na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta