Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2014 | Actualizada ás 10:25
NÓS-Unidade Popular optou, finalmente, por non participar en ningunha candidatura ás elección europeas do próximo mes de maio. E, a principal razón, está en non ter conseguido que as forzas nacionalistas galegas se puxeran dacordo para articular unha "candidatura nacional galega, plural, de esquerda e soberanista" que presentase unha "proposta común polo Estado galego e por unha Europa dos pobos".
Sen embargo, esta opción non foi posible, segundo esta organización, porque nin Anova, nin o BNG, foron incapaces de atinxir acordos mínimos comúns para creala. "Porén, esa opçom ficou pronto invalidada", sinala nun comunicado.
Por iso, e, como segunda opición, NÓS-UP tentou buscar a confluencia con outras forzas soberanistas e de esquerda das nacións do Estado pero descartando a ERC por considerar que "sustenta políticas neoliberais e repressivas no Principat da Catalunya incompatíveis com a nossa posiçom política". Nesta busca a súa mellor opción eran a CUP pero esta formación decidiu, finalmente, non participar nestes comicios.
Durante este proceso, Nós-UP e o BNG tamén estiveron falando pero "outras organizaçons mudárom de posiçom em funçom da atuaçom de ERC ou doutras circunstáncias", en alusión ao Bloque, o que "dificultou a consolidaçom de umha posiçom comum baseada na confiança mútua". Ademais, critican que nunha hipotética coalición a súa postura política quedaría case "semi-oculta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.