O xuízo con xurado popular polo asasinato da nena Desirée en Muimenta celebrarase a segunda semana de febreiro

Fiscalía e as acusacións particular e popular piden prisión permanente revisable para a nai, acusada de asasinato con aleivosía.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 16/11/2021 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O xuízo polo crime da nena Desirée Leal cando tiña 7 anos na localidade de Muimenta --Cospeito-- supostamente a mans da súa nai celebrarase a segunda semana do próximo mes de febreiro. Segundo trasladou este martes o TSXG, a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo xa sinalou o xuízo para os días 7, 8, 9, 10, 11 e 14 de febreiro.

Casa de Cospeito na que apareceu o cadáver da nena Desirée
Casa de Cospeito na que apareceu o cadáver da nena Desirée | Fonte: Google Maps.

Deste xeito, a vista oral contra a nai da pequena Desirée, acusada de asasinar a súa filla, producirase antes de que se cumpran tres anos da morte da nena, que tivo lugar o 3 de maio de 2019.

Desirée Leal, que tiña 7 anos no momento da súa morte, foi achada sen vida na casa da súa nai, situada en Muimenta, no concello de Cospeito.

A nai da pequena atópase en prisión provisional, comunicada e sen fianza como única sospeitosa do crime, que será axuizado por un xurado popular.

Ademais de Fiscalía, no caso tamén se presentaron como acusación particular o pai da nena, José Manuel Leal, e como popular a Fundación Amigos de Galicia.

Nos tres casos solicítase a prisión permanente revisable para a nai da nena como autora dun delito de asasinato con aleivosía, concorrendo as agravantes de parentesco, pero con atenuante de anomalía ou alteración psíquica.

Así mesmo, Fiscalía e acusación popular solicitan unha indemnización de 300.000 para o pai da pequena, mentres que a particular pide 120.000 euros.

PLAN PARA O ASASINATO

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba sinala no auto que das probas realizadas despréndense indicios de que a sospeitosa tiña un plan para acabar coa vida da súa filla, de sete anos.

Durante a madrugada do 2 ao 3 de maio, segundo indica no auto, supostamente afogouna coas súas mans. A nena, que durmía na mesma cama que ela, chegou a espertarse e a opor resistencia.

A acusada, segundo consta na resolución, foi diagnosticada dun trastorno de personalidade de tipo mixto e dun trastorno psicótico, os cales puideron afectar de maneira parcial as súas capacidades intelectivas e volitivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta