Galicia chora a morte de Xohán Cabana

As redes sociais enchéronse de voces da política, a cultura e o movemento asociativo para dedicar palabras de recordo e homenaxe á quen foi unha das principais figuras da literatura galega contemporánea.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/11/2021 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A perda do académico e polifacético autor Darío Xohán Cabana conmocionou a sociedade galega e as redes sociais enchéronse de voces da política, a cultura e o movemento asociativo para dedicar unhas palabras de recordo e homenaxe á quen foi unha das principais figuras da literatura galega contemporánea.

O escritor e académico Darío Xohán Cabana
O escritor e académico Darío Xohán Cabana | Fonte: RAG.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou a perda dunha "figura fundamental" nas Letras galegas e que "contribuíu ao enriquecemento" do idioma tanto como autor como tradutor de importantes obras doutras latitudes.

A ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, situou o escritor como a voz "que encarna unha nación", parafraseando un fragmento de 'O Caldeiro': "As xentes van e veñen e un conta unha cousa e outro outra, e eu vou enfiando. Pero ti fala ó teu xeito, pois gusto de oírte. Algo dirás que eu non saiba, ou non saiba desa maneira".

O BNG trasladou o seu pesar pola perda do escritor, do mesmo xeito que diferentes voces dos socialistas galegos, como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou o delegado do Goberno, José Miñones. "Unha voz única da literatura galega contemporánea", sinalaba en Twitter.

A Real Academia Galega expresou o seu "profundo pesar" por "unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas", mentres que o Consello da Cultura Galega destacou o seu papel e o seu compromiso co idioma, a identidade e a cultura.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, lembrou o autor como un clásico vivo" e que aqueles que aman a literatura, a poesía e a lingua "saben da transcendencia e da forza que tiña a súa palabra, da súa capacidade de comunicación e de evocación".

Freixanes, que foi editor de obras súas como 'Galván en Saor' ou 'Cabalgada na néboa', reivindicou o seu "dominio da palabra e a súa capacidade para transmitir emoción" a través do idioma e do verso. "É unha perda moi grande para todos nós", resolveu.

A cineasta Margarita Ledo, secretaria da Academia e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, destacou o escritor como "irmán". "É alguén que me influíu en moitos aspectos e tamén ao lelo", sinalou, sobre quen considerou "un poeta da esperanza.

"Como narrador facía sempre que se desvanecesen as liñas dabondo. Déixanos ese legado de amor pola palabra e de traballo interno e detalle", trasladou.

Desde o sector editorial, Francisco Castro, de Galaxia, lembrou a Xohán Cabana como un home "afable" e que "traballou incansablemente ata os seus últimos días", mentres que desde Xerais mostráronse "profundamente consternados" coa nova e destacárono como "referente ineludible" da literatura e da historia da propia empresa.

Entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ou a Asociación Galega de Editoras tamén se sumaron ao recordo do autor 'chairego', entre decenas de condolencias a título individual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ímonos indo todos... https://youtu.be/4Ru_nhIXoFQ