Cazan a un veciño de Cambados conducindo a 243 km/h baixo os efectos da cocaína

O home, con antecedentes, foi interceptado na A-52. Tiña unha orde de arresto nun xulgado de Córdoba.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2021 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Ourense detectou un vehículo que circulaba a 243 quilómetros por hora na autovía A-52 ao seu paso polo termo municipal ourensán de Allariz, que está limitada a 120 km/h. O individuo, que conta con antecedentes, obtivo positivo en cocaína no test de drogas. Así o informou o Instituto Armado, que detallou que este condutor ten diversos antecedentes e sobre el hai unha orde de procura, detención e personación dun xulgado de Córdoba.

As mesmas fontes relataron que sobre as 17,40 horas deste pasado luns 22 de novembro unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ourense estableceu un control de inspección de velocidade no quilómetro 207 da autovía A-52, sentido ao Porriño, nas proximidades da localidade de Allariz.

Entre os infractores detectados por exceso de velocidade, atopábase un vehículo turismo marca Volkswagen, modelo Golf, que circulaba a 243 km/h, a pesar de estar limitada nesa vía a 120 km/h. Por iso, ao seu condutor, un home de 34 anos e residente en Cambados, imputóuselle un suposto delito contra a seguridade viaria, tipificado no artigo 379.1 do Código Penal, por circular cun vehículo a motor en vía interurbana a unha velocidade superior en, polo menos, 80 km/h á permitida.

Así mesmo, este condutor foi sometido á proba de detección de drogas, na que obtivo positivo no consumo de cocaína, á espera do resultado definitivo do laboratorio. Ademais, sobre este home pesa unha orde de procura, detención e personación dun xulgado de Córdoba, indica a Benemérita. Este condutor enfróntase a unha posible pena de prisión de tres a seis meses ou á de multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e, en calquera caso, á de privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos, engaden as mesmas fontes.

PRUDENCIA

Por parte do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense faise un chamamento "á prudencia" e ínstase aos condutores "a non pasar os límites de velocidade establecidos, xa que o risco de morte e lesións graves é maior a velocidades elevadas". "Canto maior sexa a velocidade do vehículo, maior será a distancia necesaria para detelo. Circular a unha velocidade segura permitiría que o vehículo se deteña a tempo, logrando evitar males maiores", advirte.

Control de tráfico da Garda Civil na A-52, no Porriño (Pontevedra).. GARDA CIVIL PONTEVEDRA
Control de tráfico da Garda Civil na A-52, no Porriño (Pontevedra).. GARDA CIVIL PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta