Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2021 | Actualizada ás 12:36
A nova executiva do PSdeG liderada polo novo secretario xeral, Valentín González Formoso, foi aprobada este mércores co 81% dos votos dos delegados acreditados no XIV Congreso Nacional da formación. Neste órgano, composto por un total de 58 persoas, Formoso incorporou a persoas que apoiaron a Gonzalo Caballero ao longo do seu catro anos como secretario xeral como o senador Xoaquín Fernández Leiceaga --que ocupará a área de Política Económica-- e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; ou a rexedora de Redondela, Digna Rivas.
En concreto, a nova dirección do PSdeG, que terá a Carmela Silva como presidenta, recibiu un total de 343 votos a favor, 78 en branco e tres nulos, o que supón o 81,4% dos votos. Ao redor de Formoso estará a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que ocupará a Vicesecretaría Xeral do partido. Ademais, o edil coruñés José Manuel Lage Tuñas será o secretario de Organización, un cargo co que xa acompañou a Formoso durante a etapa do rexedor pontés como secretario provincial coruñés.
Tamén ocupará un lugar destacado na nova dirección do PSdeG o alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que se fará cargo da área de Política Municipal a pouco máis dun ano de que se celebren os próximos comicios locais.
Na executiva, o rexedor de Ferrol asumirá a área de Política Industrial; o que fora reitor da USC Senén Varro, a de Ciencia, Universidade e Transformación Dixital; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, Estudos e Proxectos. Tamén formarán parte da nova dirección edís de cidades como A Coruña e Pontevedra, e volven cobrar peso socialistas que tiveran cargos en anteriores etapas como as exdeputadas Noela Blanco e María Pierres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.