O CCG pide unha moratoria real aos eólicos nun informe cargado de críticas á Xunta

O Consello pide tamén revistar o Plan sectorial eólico, que data de 1997, para adaptalo á normativa actual e ampliar a Rede Natura 2000 aos espazos pendentes. Critican o afán liberalizador da Xunta de Galicia e urxen a deter un modelo de implantación que estaría a danar o medio e a cultura da Comunidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega entra na guerra eólica cun estudo que urxe á Xunta unha moratoria na autorización de novos parques e unha revisión o Plan sectorial eólico, creado en 1997 baixo a dirección conselleiro de Fraga, Antonio Couceiro, que hoxe forma

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

parte da cúpula da enerxética Greenalia.

O informe, da autoría de seis expertos coordinados por Rebeca Blanco-Rotea, detalla a presenza de 176 parques eólicos en Galicia, que sumarían unha potencia de 3.867 megavatios e que se reparten situados en 121 dos 313 concellos. "Aínda que non existe un rexistro público oficial, estímase que está en trámite a concesión de 275 parques, que sumarían 7,200 megavatios, o que dá conta da súa dimensión", apuntan.

O texto, desenvolto a instancia de "varios colectivos e administracións, considera que a instalación dos parques eólicos supera a "capacidade de carga do sistema natural", rachando coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes. Por eses motivos tamén insta a salvagardar lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica. Neste aspecto, fan fincapé en que a maneira en que se está desenvolvendo a implantación eólica "resulta negativa para ámbitos da nosa sociedade tan sobranceiros como a cultura e incluso a economía, xa que afecta ás paisaxes, ao medio ambiente e ao patrimonio”.

Por iso, o informe pide a revisión do actual Plan sectorial eólico de Galicia para que se someta a unha avaliación ambiental estratéxica que teña en conta as Directrices da paisaxe, a protección do valores culturais do territorio e atender aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura por mor da moratoria da Xunta de Galicia, que os mantén conxelados dende a entrada de Feijóo no Goberno. "Só o 12% do territorio galego está recoñecido como Rede Natura, moi por debaixo da media de España, que se sitúa no 27% do territorio", destacan.

CRÍTICAS Á POLÍTICA DA XUNTA

Neste aspecto, o informe do CCG amósase moi duro coa política de portas abertas da Xunta de cara aos parques eólicos, denunciando o cariz liberalizador das medidas que, nos últimos anos, foi implantando o executivo autonómico para dar vía libre a unha explotación eólica que xa xerou múltiples manifestacións multitudinarias no seu rexeitamento. Denuncian así a entrada en vigor da lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais "ao eliminar calquera trazo de competitividade entre promotores". Con esta lei, apuntan, “desaparecen as convocatorias anuais de potencia para instalar, esfúmanse os criterios sociais e económicos como determinantes para a decisión de a quen asignar nova potencia e deséñase un mecanismo liberalizador que garante o inicio do procedemento administrativo de admisión e autorización sen necesidade de ofrecer ningunha contrapartida socioeconómica á sociedade galega”. 

A Xunta anunciou meses atrás unha moratoria aos proxectos eólicos pero, na mesma xornada, destacou que o Consello autonómico se reservaba a posibilidade de tramitar e aprobar todas aquelas explotacións que considerara de especial importancia estratéxica ou económica. O CCG demanda así unha moratoria libre de letra pequena que garanta unha conservación do territorio e quen o habita. 

ANOVA: "FEIJÓO TEN QUE DAR EXPLICACIÓNS"

 

Na mesma xornada, o voceiro de Anova, Antón Sánchez, destacou as conclusións "demoledoras" do informe para pedir unha rendición de contas da parte da Xunta de Galicia.  “Feijóo ten que saír a dar explicacións. As conclusións, que son demoledoras coas políticas de Feijóo e están cheas de sentido común, coinciden co que vimos reclamando dende hai anos e son un mínimo imprescindible para unha política sustentable”, declarou.

 

Sánchez destacou a necesidade dun "novo Plan Eólico adaptado a estes tempos, a súa avaliación ambiental estratéxica, unha verdadeira participación pública ou a ampliación previa da Rede Natura son reivindicacións que se veñen realizando nos últimos anos para evitar a depredación do territorio ”

 

A ollos da plataforma, a presentación do informe “Enerxía eólica e paisaxes culturais” por parte do Consello da Cultura Galega "deixa ao desnudo a desprotección da paisaxe, do patrimonio e da biodiversidade que as políticas no sector eólico do Partido Popular provocan no noso país". "As conclusións", engaden, "son demoledoras porque propoñen medidas que son un mínimo imprescindible para unha política eólica sustentable e non depredadora".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta