Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 19/12/2021
Mais os votos dos cidadáns ás veces son pouco reflexivos e danlle a confianza ó que logo resulta ser un pufo dos máis perigosos. E nesa situación andamos nesta cidade onde a vida política e social parece non ter futuro. Pois, segundo parece, comeza unha nova andaina. O interese do alcalde da cidade por preparar a súa reelección lévao a compaxinar o posto de primeiro edil co de deputado provincial, tentando liderar esta provincia ida a menos. E, como me dixo un membro da prensa, seguro que iste paso vainos dar moitas e boas portadas, dado que o 22 deste mes, como se fose un premio da lotaría, toma posesión no Pazo provincial como deputado o sr. Jácome.
Gonzalo, como xa ten demostrado, é unha persoa que ten incontinencia verbal. Non escoita os argumentos dos demais. Solo fala el. E cando os demais o fan aplícalle o dito: fala, fala que por un ouvido me entra e por outro lle sae. El ó seu, e os demais que os parta un raio. Gústalle moito o espectáculo e nel dar a nota, aínda que desafine constantemente. E como ao mandato de catro anos xa lle queda pouco, quere ter un espazo propio e lucir como se fose unha estrela no universo provincial.
Mais o alcalde desta Auria naceu pra ser un guerreiro desfacendo facendas públicas e de paso tentando mellorar a súa. A Gonzalo gústalle moverse na regueifa, no lodo e desta maneira os plenos parecen discusións de tasca, onde os reproches contra os seus, ós que lle chama traidores, amosan unha postal case repugnante que nos leva a facer unha pregunta: nos plenos fálase e discútese dos problemas da cidade? Non. Pola contra, falase das liortas entre o alcalde e os seus ex compañeiros? Pois si. Pero se non temos PXOM, e tampouco temos arranxado as concesións de varios servizos importantes, todas caducadas? Eso non importa. Tampouco se fala de que a piscina das Burgas está seca. Eso si; fálase de que o seu partido lle fan falla máis cartos. Ah,todo pola pasta. Pois ben, esa é a situación que temos no Concello. Un alcalde que desautoriza a unha concelleira do seu equipo de goberno, e esta contéstalle que fala así pra desviar a atención dos seus problemas xudiciais. E este señor agora tamén estará na Deputación chupando cámara e os seus plenos verémolos na súa marabillosa tele. Manda nabo!
Todo augura que a foto da amizade con Baltar pasará a ser algo doutro tempo, e si no Concello o espectáculo barato é permanente, todo leva a que na Deputación pode acontecer algo semellante. E fin, que eramos poucos e pariu a aboa.
Polo que moitos ourensás temos verdadeiro interese en saber cal será a reacción dos cidadáns que lle deron a confianza a este persoeiro de comedia. E de paso se estes pactos serviron pra algo máis que facer o ridículo na vida política desta provincia. Polo que, a area no zapato, pode facernos rir e chorar á vez. Pois é posibel que vexamos de novo o deterioro das institucións. En fin, esperemos acontecementos.