Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/12/2021 | Actualizada ás 21:30
A asociación ecoloxista ADEGA vén de presentar consulta ante o órgano ambiental da Xunta para que dea explicacións sobre as causas que motivaron a "impactante" poda á arbore senlleira Carballo Grande de Bustelo de Abaixo, en Carballedo. Algo que tamén farán dende Amigas das Árbores- Ourense, pois veñen de anunciar que achegarán un escrito á Consellería de Medio Ambiente pedindo explicacións e instando a tomar medidas para coidar e protexer o carballo.
Tal e como explican ambas as asociacións, o Carballo de Bustelo foi desprovisto de practicamente todas as súas pólas e ficou só o seu troco en pé nunhas actuacións "sen os máis mínimos criterios de coidado e poda", segundo destaca Amigas das Árbores.
Dende ADEGA explican que ditas actuacións só estarían xustificadas en árbores senlleiras que poidan supoñer algún perigo para a saúde pública ou a seguridade das persoas (e sempre que non haxa outra alternativa e que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural o xustifique con informes técnicos). Por iso, e en calquera caso, piden coñecer se a Xunta promoveu previamente medidas para a conservación "en condicións" desta árbore.
Amigas das Árbores censura este novo e "inxustificado" arboricidio, unha práctica "demasiado cotiá" en Galicia e que no caso dunha árbore catalogada como senlleira constitúe unha "demostración de insensibilidade, incultura e incompetencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.