Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2021 | Actualizada ás 18:45
O Goberno galego investirá 10 millóns de euros para dotar de cobertura móbil 290 núcleos de poboación de 65 concellos no período 2022-2023. Feijóo destacou que Galicia será a primeira comunidade autónoma e "probablemente a primeira rexión de Europa" en contar coa autorización da Comisión Europea para investir recursos públicos en mellorar a cobertura do territorio.
Todo iso despois do traballo realizado en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que detectaron deficiencias de 4G en polo menos 65 municipios galegos.
Con este investimento, impulsarase a construción de 100 localizacións de soporte para equipo de telefonía móbil que se porán a disposición de todos os operadores, ofrecendo tanto unha mellora da cobertura como soporte a novas redes para potenciar a dixitalización das zonas rurais.
Feijóo lamentou, ademais, a falta de cogobernanza nos plans de recuperación do Goberno central destinados á banda ancha, dado que só o 9 por cento dos 4.000 millóns de euros se van transferir ás Comunidades e Galicia unicamente se beneficiará do 0,5% dos recursos.
COMPETENCIAS DIXITAIS
Nesta liña, o Consello da Xunta aprobou o Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT, que contará cun investimento de 22,7 millóns de euros ata o ano 2025. Feijóo destacou que o obxectivo é formar en competencias dixitais a máis de 46.000 cidadáns nos próximos tres anos e lograr que o 70 por cento da poboación galega teñaa competencias dixitais básicas.
Deste xeito, investirase na transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles e instalarase novo equipamento tecnolóxico. O plan prevé a apertura de 30 novas aulas que se sumarán ás 97 abertas en 91 concellos, tras un novo convenio marco que a Xunta asinará coa Fegamp. Ademais, adaptarase a formación ao marco galego de competencias dixitais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.