As vacinas contra a covid-19, fundamentais para os transplantados de fígado

Unha investigación estatal con participación do CHUAC e do CHUS mostra unha menor persistencia a longo prazo dos anticorpos contra o coronavirus en transplantados que se infectaron co SARS-CoV-2, á vez que evidencia que “a vacinación aumenta a súa resposta humoral”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os pacientes con covid-19 que recibiron un transplante de fígado mostran unha menor persistencia a longo prazo dos anticorpos contra o coronavirus SARS-CoV-2, causante da enfermidade. Por iso, é fundamental que se vacinen para fortalecer o seu sistema inmunitario por máis tempo. Así o conclúe un estudo multicéntrico realizado por especialistas de toda España e no que participaron as unidades de transplante hepático do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e de Santiago de Compostela (CHUS).

A vacina de Novavax contra a COVID-19 sendo administrada en ensaios clínicos
A vacina de Novavax contra a COVID-19 sendo administrada en ensaios clínicos | Fonte: NOVAVAX - Arquivo.

A inmunoglobulina G (IgG) é o tipo de anticorpo máis abundante no corpo. Atópase no sangue e noutros fluídos e proporciona protección contra infeccións bacterianas e virais. A súa detección indica que xa se pasou a infección ou que se está superando. Son como unha especie de memoria que o corpo crea para protexernos no futuro, xerando inmunidade.

Este é o “primeiro estudo que proporciona unha avaliación precisa da resposta inmune humoral a longo prazo” en persoas transplantadas de fígado e que tiveron covid-19

Sábese que pasar a covid-19 xera anticorpos. Os datos científicos evidenciaron que a infección por SARS-CoV-2 induce respostas inmunitarias humorais específicas que persisten durante máis dun ano en máis do 80% dos individuos inmunocompetentes, isto é, as persoas que poden producir unha resposta inmunitaria normal. Pero pasar a covid-19 para xerar anticorpos supón un risco, xa que a evolución da infección depende de diversos factores e pode derivar nunha infección grave e mesmo na morte do infectado, polo que o xeito máis seguro de desenvolver os anticorpos é mediante as vacinas, as cales manteñen unha alta positividade de IgG durante varios meses despois da inoculación, aínda que esta vai baixando co paso do tempo; de aí a necesidade de poñer doses de reforzo.

No caso das persoas con covid-19 que foron sometidas a un transplante de fígado, comprobouse que eses anticorpos teñen unha persistencia menor. Isto sábese logo de avaliar, neste estudo, a persistencia de anticorpos IgG en receptores de transplante hepático doce meses despois de pasar a covid-19.

Segundo os seus autores, trátase do “primeiro estudo que proporciona unha avaliación precisa da resposta inmune humoral a longo prazo” en persoas que recibiron un transplante de fígado e que tiveron covid-19.

O obxectivo deste estudo foi investigar a duración a longo prazo da inmunidade humoral contra o SARS-CoV-2 entre os receptores de transplantes hepáticos despois de pasar a covid-19 e comparalos con individuos non transplantados.

O principal resultado da investigación realizada en España foi a presenza de anticorpos contra o SARS-CoV-2 un ano despois da infección. O estudo comparou os datos de 65 receptores de transplante de fígado cos doutros 65 pacientes non transplantados que tamén pasaran a covid-19, asegurándose os científicos de que ambos os grupos eran comparables en termos de idade, sexo, comorbilidades, gravidade da covid-19 e características de ingreso hospitalario.

Os transplantados, en comparación cos non transplantados, mostraron unha menor prevalencia de anticorpos IgG aos doce meses da infección polo coronavirus

A determinación de anticorpos realizouse aos tres, seis e doce meses despois do diagnóstico de covid-19. O que se observou foi que os transplantados, en comparación cos non transplantados, mostraron unha menor prevalencia de anticorpos IgG anti-nucleocápside (27,7% fronte a 49,2%) e anti-espiga (88,2% fronte a 100%) aos doce meses da infección polo coronavirus

Outro achado relevante do estudo foi que os receptores de transplante de fígado vacinados contra a covid-19 mostraron niveis de anticorpos máis altos en comparación cos pacientes non vacinados. Así, os niveis de anticorpos alcanzados despois da vacinación foron comparables aos observados en individuos non transplantados.

A vacina de Pfizer-BioNTech foi a máis frecuentemente administrada en pacientes con transplante hepático (58,1%), seguida da de Moderna (38,7%). A metade dos receptores de transplante vacinados con Pfizer e o 41,7% dos vacinados con Moderna recibiran a segunda dose aos 12 meses. Ningún dos transplantados deste estudo fora vacinado coa vacina Oxford-AstraZeneca. Mentres, a gran maioría dos suxeitos do grupo de control (non transplantados) recibiran a vacina de Pfizer (86,7%), seguida de Astrazeneca (13,3%).

En xeral, a proporción de receptores de transplante de fígado que recibiron aos doce meses polo menos unha dose da vacina contra o SARS-CoV-2 (xa sexa Moderna ou Pfizer-BioNTech), foi maior que en pacientes non transplantados (47,6% fronte a 23,1%.

Non houbo diferenzas en canto a idade, sexo, gravidade da enfermidade e comorbilidades entre ambos os grupos.

A gran maioría (93,6%) dos receptores de transplante de fígado vacinados mostraron niveis protectores de anticorpos IgG anti-espiga despois dun ano de contraer a covid-19. A prevalencia de anticorpos IgG anti-espiga foi similar entre suxeitos con transplante vacinados e non vacinados (93,6% fronte a 88,2%). Non obstante, os pacientes transplantados e vacinados mostraron niveis significativamente máis altos de anticorpos IgG anti-espiga en comparación cos pacientes non vacinados (5414,55 BAU/ml vs. 96,10 BAU/ml) e observáronse resultados similares nos suxeitos do gupo de control.

Para os autores do estudo, un dato “sorprendente” foi que os receptores de transplante de fígado mostraron niveis similares de anticorpos IgG anti-espiga que os do grupo de control, despois da primeira ou segunda dose da vacina contra o SARS-CoV-2.

MELLOR, VACINADOS

Na investigación tamén se avaliou a inmunoxenicidade da vacinación segundo o número de doses de vacina administradas e o tipo de vacina. Os transplantados mostraron niveis similares de anticorpos IgG anti-espiga despois da primeira e segunda dose da vacina contra o SARS-CoV-2 (1737,42 BAU/ml fronte a 3914,66 BAU/ml).

Os receptores dun fígado transplantado mostraron máis niveis de anticorpos coa vacina de Moderna que coa de Pfizer

En canto ao tipo de vacina administrada, os receptores dun fígado transplantado mostraron maiores niveis de anticorpos IgG anti-espiga tras a vacina de Moderna, en comparación coa de Pfizer, aínda que a diferenza non foi estatísticamente significativa, segundo os autores do estudo.

“As diferenzas na resposta de anticorpos entre os tipos de vacina baseados en ARNm en pacientes inmunodeprimidos poden estar relacionadas con varios aspectos: primeiro, a posibilidade dunha relación dose-resposta tendo en conta a maior cantidade de ARN por dose utilizada na vacina de Moderna; en segundo lugar, os diferentes momentos de administración de cada tipo de vacina tamén poderían influír na súa inmunoxenicidade; e, finalmente, é concibible que a presenza de diferenzas sutís entre as dúas vacinas no ARN e os portadores de nanopartículas lipídicas poidan ser responsables da resposta inmune observada”, explican os investigadores.

Neste sentido, engaden: “Esas diferenzas de inmunoxenicidade entre as diferentes vacinas baseadas en ARNm poden pasar desapercibidas na poboación xeral, xa que son altamente inmunoxénicas en pacientes non inmunodeprimidos; porén, estas diferenzas poden ser máis evidentes cando se avalían nunha poboación inmunodeprimida como os receptores de transplante de fígado”, polo que consideran “necesaria a avaliación da eficacia de diferentes tipos de vacinas e estratexias de vacinación” nestes pacientes “para establecer se son necesarias doses adicionais de vacina ou se as vacinas específicas son máis efectivas neste contexto”.

No estudo tamén se comprobou que só dous pacientes transplantados non responderon á vacinación contra o SARS-CoV-2. Estes dous pacientes presentaron anticorpos IgG anti-espiga no sexto mes, pero perdéronos ao ano. Ambos os dous pacientes recibiran só unha dose dunha vacina ARNm no momento da avaliación de anticorpos.

Os datos do estudo mostran que “a vacinación aumenta a resposta humoral” nos pacientes que recibiron un fígado 

Os datos, polo tanto, apuntan a que os transplantados de fígado que pasaron a covid-19 “presentan unha menor persistencia a longo prazo dos anticorpos IgG en comparación cos individuos non transplantados”. De aí a importancia de que se vacinen, xa que os datos tamén evidencian que “a vacinación aumenta a resposta humoral” nestes pacientes e “podería ser unha estratexia valiosa para prolongar a inmunoxenicidade contra o SARS-CoV-2”, salientan os responsables do estudo.

“Os nosos resultados mostran que a maioría dos pacientes con transplante de fígado desenvolveron e mantiveron unha resposta inmune humoral específica contra o SARS-CoV-2 un ano despois de pasar a covid-19. Non obstante, aínda con características epidemiolóxicas e gravidade da covid-19 similares, os receptores de transplantes mostraron unha prevalencia reducida de anticorpos IgG anti-nucleocápside e anti-espiga a longo prazo”, resumen os autores do traballo.

Para estes investigadores, o máis substancial do seu estudo é que os seus datos “suxiren que a diferenza máis relevante na resposta inmune humoral despois da covid-19 entre pacientes con transplante de fígado e individuos non transplantados prodúcese a longo prazo”. Ademais, engaden, “é posible que a diferenza observada na prevalencia e os niveis de anticorpos entre transplantados e non transplantados sexa aínda máis pronunciada nunha cohorte máis grande non vacinada”.

OUTRAS EVIDENCIAS

Un estudo desenvolvido en Israel mostrou que as persoas receptoras dun transplante de fígado son menos propensas a xerar anticorpos tras unha segunda dose da vacina de  Pfizer contra o SARS-CoV-2, en comparación cun grupo de voluntarios sans.

Neste caso, os científicos analizaron as respostas de anticorpos de 80 persoas que recibiran un transplante de fígado no Centro Médico Sourasky, principal centro hospitalario de Tel Aviv. As persoas analizadas sometéranse a un transplante de fígado unha media de cinco anos antes da vacinación contra a covid-19 e tiñan unha idade media de 60 anos.

Nun estudo en Israel, tras a vacinación, as persoas transplantadas de fígado presentaron niveis de anticorpos significativamente inferiores en comparación con outros contaxiados

Os autores compararon as respostas xeradas pola vacina nas persoas transplantadas coas de 25 persoas voluntarias sas que tamén recibiran a vacina de Pfizer. Todos suxeitos do grupo de control mostraron niveis protectores de anticorpos tras a vacinación, pero 42 das 80 persoas receptoras de transplantes non xeraron unhas respostas positivas de anticorpos. Ademais, os 38 suxeitos transplantados que tiveron respostas positivas de anticorpos á vacinación presentaron uns niveis de anticorpos significativamente inferiores aos do grupo de control.

O estudo tamén mostrou que a resposta negativa de anticorpos á vacinación estivo asociada a ter unha maior idade, ao uso de altas doses de prednisona (corticoide de administración oral e acción antiinflamatoria e inmunosupresora) no ano anterior, ao tratamento con micofenolato mofetil (medicamento inmunosupresor) ou triple terapia inmunosupresora. As persoas cunha mellor función renal tenderon a presentar un menor risco de resposta negativa de anticorpos.

Outro estudo recente realizado por investigadores do Instituto de Medicina Tropical da Universidade de São Paulo (Brasil) mostrou que a covid-19 afecta de modo dispar aos  trasplantados, de xeito que os pacientes sometidos a transplantes de fígado que contraeron o SARS- CoV-2 recuperáronse máis rápido e cun proceso  inflamatorio menor que outros con transplantes de corazón ou de ril.

Os investigadores analizaron a evolución da covid-19 en 39 receptores de órganos. Destes, 25 sometéronse a transplantes de ril, sete de corazón e sete de fígado. Estes datos comparáronse tamén con outros 25 pacientes con covid-19 non  trasplantados (o grupo de control), emparellados por idades e sen comorbilidades.

No estudo brasileiro, os transplantados de fígado con covid-19 experimentaron unha recuperación máis rápida e un proceso inflamatorio menor que os transplantados cardíacos ou renais

Os resultados indican que as persoas que se someteron a transplantes de fígado e logo contraeron a covid-19 experimentaron unha recuperación máis rápida e un proceso inflamatorio moito menor que os transplantados cardíacos ou renais. E, nalgúns casos, estes pacientes evolucionaron mesmo mellor que outros individuos non transplantados.

Segundo os científicos brasileiros, as diferenzas entre distintos tipos de transplantados poderían deberse á cantidade de inmunosupresores utilizados para evitar o rexeitamento ao órgano. Detalladamente, os transplantes de corazón e de ril requiren dunha maior aplicación de medicamentos inmunosupresores que os de fígado.

Isto leva aos investigadores a suxerir que determinados fármacos inmunosupresores poderían aplicarse tamén en pacientes de covid-19 non transplantados. A hipótese destes investigadores é que unha leve inmunosupresión durante a infección provocada polo SARS-CoV-2 podería xerar bos resultados nos pacientes que presentan hiperactivación do sistema inmunitario, tal e como acontece durante a denominada tempestade de citoquinas típica da covid-19 grave, isto é, unha resposta inflamatoria descontrolada e xeneralizada do sistema inmunolóxico e potencialmente mortal.

Con todo, polo momento esa relación entre a cantidade de inmunosupresores e a evolución da covid-19 é unha hipótese que require máis investigación e maiores evidencias científicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta