O Goberno "reafirmará" en 2022 a aposta "sen precedentes" por Galicia para levala á recuperación económica

O delegado do Goberno en Galicia destaca que Galicia se asegura as "maiores transferencias da democracia" con 1.075 millóns de euros en investimentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2022 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, afirmou que o Goberno de España "seguirá apostando este ano por Galicia, pola súa modernización e desenvolvemento, e por levar a todos os galegos e galegas a recuperación da economía e da actividade", nunha aposta "sen precedentes".

Tras a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, Miñones destacou que Galicia se "asegura" un investimento de 1.075 millóns de euros para este ano, aos que se sumarán as "maiores transferencias da democracia" para concellos e a autonomía.

Eses investimentos complementaranse cos 671 millóns de euros dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cuxa aprobación "foi un dos principais fitos do ano" e será "revulsivo para España e Galicia".

"Falamos de proxectos e investimentos que responden a unha mesma estratexia e cuxos efectos imos ver xa este ano", declarou Miñones. Ademais, engadiu que hai por diante "12 meses nos que se dará luz verde a proxectos de gran alcance e outros investimentos máis pequenos, pero cun impacto directo e palpable na vida das persoas".

Por iso, resaltou que esta aposta do Goberno supón avanzar cara a unha Galicia "máis verde, dixital, inclusiva, igualitaria, social e cohesionada". Ademais, lembrou que este 2021 "serviu para sentar as bases sólidas desta transformación".

XESTIÓN DA PANDEMIA

No seu balance do ano, o delegado do Goberno en Galicia reiterou que o Executivo "seguirá colaborando con lealdade e transparencia" coa Xunta de Galicia na xestión da pandemia.

Miñones lembrou que o ano pasado o Goberno colaborou co Executivo autonómico a través do Fondo COVID con 828.28 millóns de euros, o que buscaba compensar os gastos extraordinarios da Administración Autonómica en educación, sanidade e servizos sociais.

En canto á vacinación, José Miñones destacou que o Ministerio de Sanidade "facilitou desde o seu inicio a Galicia máis de 5,2 millóns de doses de vacinas", das cales 60.000 foron pediátricas. Engadiu que esta última semana o Goberno aprobou a cesión a Galicia de 10 equipos de vacinación móbil con persoal sanitario das Forzas Armadas.

IMPULSO Á MOBILIDADE

De face ao 2022 o delegado do Goberno puxo o foco na mobilidade sustentable e a intermodalidade, ademais dos avances e a finalización de eixos viarios e ferroviarios.

En canto ao reconto do 2021, Miñones destacou que este foi o ano no que a mobilidade en Galicia deu "un salto cualitativo" coa acción do Goberno.

Sobre todo, centrouse en dous fitos: a chegada da Ave a Galicia, co tramo a Ourense, e a "aprobación dos descontos nas peaxes da AP-9". Ambos os acontecementos supoñen para Galicia máis de 5.000 millóns de euros.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai  balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta