A metade dos pacientes Covid ingresados en UCI na área de Pontevedra non están vacinados

Tamén representan un de cada tres pacientes en hospitalización convencional.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 04/01/2022 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

A metade dos pacientes Covid ingresados en coidados intensivos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non están vacinados, así como un de cada tres en hospitalización convencional. Así o destacou este martes o coordinador de hospitalización Covid e xefe de servizo de Dixestivo de Pontevedra, o doutor Juan Turnes, ao facer balance da situación na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Segundo comentou, a situación en hospitalización a martes 4 de xaneiro pola Covid-19 concentra nove ingresados en UCI e 35 en camas de hospitalización convencional no complexo hospitalario universitario pontevedrés e cinco en planta no Salnés. Iso supón, puntualizou, "dez pacientes máis en hospitalización convencional e dous menos en coidados intensivos" no CHUP e sen cambios no Salnés.

Sobre o perfil dos pacientes, incidiu o doutor Turnes en que este "non cambiou, nin en canto a idades nin en canto a características respecto de se están vacinados ou non".

Neste sentido, destacou que "a metade dos pacientes en intensivos non foron vacinados e un de cada tres ingresados" en hospitalización convencional "tampouco fora vacinado".

Así mesmo, comentou que en hospitalización convencional "tres de cada catro ingresaron nos últimos sete días" e valorou que se "reduciron os ingresados en UCI", onde se atende a pacientes Covid e a outros que requiren "coidados especiais" por diversos tipos de problemas, feito que, resaltou, "permite que o hospital funcione cunha maior fluidez".

O coordinador de hospitalización Covid de Pontevedra incidiu, así mesmo, en que o incremento de casos activos de Covid-19 "tradúcese nunha presión cada vez maior sobre Atención Primaria e sobre os servizos de urxencias", aos que os pacientes acoden "en procura de atención" ao presentar síntomas leves.

No entanto, avisa de que aínda que o número de casos activos "é alto, podería ser maior" porque "aínda non pasaron suficientes días" para identificar os cambios no protocolo de seguimento de contactos. "Todo fai pensar que vai seguir incrementándose o número de casos durante un tempo", estimou.

Con todo, lembrou que na área de Pontevedra e O Salnés "hai tres puntos" para realizar test para detectar casos de Covid, para os cales hai que solicitar cita a través da web do Sergas --na parte de cribados--, cuxos resultados están en 30 minutos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta