Caballero critica que a Xunta utilizase "só o 52%" dos fondos covid para a sanidade pública

Lamenta a "falta de compromiso" do Gobierno autonómico coa Sanidade Pública e tacha as seas políticas de "nefastas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PsdeG, Gonzalo Caballero, denunciou este venres que a Xunta non utilizou en 2020 a totalidade dos fondos covid recibidos do Estado, o que denota, na súa opinión, a "falta de compromiso" do Goberno popular coa sanidade pública.

En rolda de prensa, Caballero asegurou que, "con máis de 50.000 contaxiados por covid, 100 falecidos nas últimas semanas e os centros de saúde saturados, colapsados e con enormes listas de espera", demóstrase que o modelo popular para a sanidade "fallou". A este respecto, censurou a decisión do Goberno autonómico de suspender consultas en 14 centros de saúde de Vigo e a de non rastrexar aos contactos estreitos de positivos por covid se non presentan síntomas, "só porque o sistema está colapsado".

En canto aos fondos covid, o portavoz socialista lembrou que nos últimos dous anos, Galicia recibiu dos fondos covid "para reforzar a sanidade, educación e outros servizos", máis de 700 millóns de euros en 2020 e 800 millóns en 2021. "Segundo os datos publicados por AiRef (Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal), dos máis de 700 millóns, a Xunta investiu 515 en gastos non financeiros, 316 millóns en sanidade e atención sociosanitaria. Se comparamos cos datos do conxunto das autonomías, estas gastaron un 52% en sanidade, mentres que a Xunta só un 42%", asegurou o socialista.

"A Xunta está entre as que menos gastaron en Sanidade e que máis fondos deixaron sen investir. No conxunto do Estado deixáronse de gastar o 14% dos fondos, mentres que en Galicia a porcentaxe foi do 30%. Todo isto nun momento no que se necesitaban máis fondos, e habíaos por parte do Estado", sinalou.

Caballero asegurou en base a isto que as políticas sanitarias dos populares son "calamitosas e nefastas", tras o que engadiu que Galicia é a décima comunidade de España en gasto en sanidade pública por habitante. Sobre este último aspecto, Caballero comparou os datos galegos cos de Asturias, "cunha estrutura social e demográfica similar" e onde "se destinan 1.958 euros por habitante polos 1.702 euros por habitante en Galicia".

"A atención primaria segue sendo a gran relegada, con menos investimento nos orzamentos autonómicos que nos do ano pasado, e menos que nos de 2009. O que sufrimos é o resultado das políticas e da falta do compromiso do PP", insistiu o deputado socialista, que puxo como exemplo a cancelación de consultas en 14 centros da área sanitaria de Vigo, "tres anos despois das dimisións de xefes de servizo por sobrecarga".

Para Caballero a solución pasa por ofertas laborais apropiadas, "que deixen atrás unha política de precariedade laboral". "Os traballadores concatenan contratos durante meses e anos, sen prazas en condicións no servizo sanitario galego. Necesitamos un cambio na política sanitaria. Feijóo sempre se pon medallas, pero non hai nin compromiso, nin medidas nin accións. Non cre no público nin defende o público", aseverou.

Doutra banda, Caballero non se pronunciou sobre os diferentes procesos provinciais do PsdeG, xa en marcha, "posto que non hai novidades". Con todo, destacou que "todo está a funcionar con normalidade" e desexou que "fortalezan ao partido, a democracia interna e a liña progresista e de esquerdas do PsdeG; o mellor avance posible".

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero / PSdeG. / Europa Press
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero / PSdeG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta