Educación ofrecerá 2.628 prazas docentes co sistema tradicional e preto de 500 mediante concurso de méritos

A Consellería busca blindar a OPE, dar certezas aos aspirantes e servirse do concurso para cumprir o Real Decreto que prepara o Estado

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/01/2022 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

Galicia celebrará este ano dous procesos de acceso á función pública docente: un mediante o sistema tradicional e outro que se rexerá por concurso de méritos, este último previsto para o último trimestre de 2022. Ambas as convocatorias sumarán unha oferta de máis de 3.000 prazas. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou este martes o calendario previsto polo Goberno galego para celebrar os procesos de oposicións docentes deste ano.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez | Fonte: Europa Press.

Un dos aspectos centrais da convocatoria foron as decisións adoptadas pola Xunta en relación ao Real Decreto que prepara o Goberno central e que modificará o sistema de acceso á a función docente

Esta nova normativa, cuxa publicación se calcula para mediados ou finais de febreiro, propón de forma transitoria que a primeira fase da oposición deixe de ser eliminatoria e se incremente o peso dos méritos co fin de favorecer a aquelas persoas que se atopen en situación de interinidade.

Todo iso co fin de alcanzar o obxectivo de chegar a unha taxa de temporalidade do 8% e reducir a alta taxa de interinos do Estado, que alcanza unha media do 25%.

"Isto, loxicamente, xerou unha gran inquietude entre os novos aspirantes a profesores, os máis novos e recentemente titulados", explicou Rodríguez, dado que esta modificación implica "unha desigualdade significativa" para acceder a unha praza e xerou "incertezas" denunciadas tanto entre o colectivo opositor, como organizacións sindicais e academias.

É por iso que a Xunta decidiu adiantarse á publicación desta nova normativa e dar pasos co fin de pechar o proceso de convocatoria de prazas este mesmo mes de xaneiro, para ofrecer así "unha mensaxe de tranquilidade" aos miles de persoas que dedican os seus recursos e esforzos a preparar un proceso do que agora se pretende "cambiar as regras de xogo a metade de partido".

"BLINDAR" A OPE

Galicia contará así cunha convocatoria de 2.628 prazas, sumando as aprobadas en 2021 coas deste ano, que se xestionarán en función do sistema habitual e tradicional de oposicións, co fin de "blindar xuridicamente" o proceso e ofrecer certezas aos aspirantes.

O esquema por especialidades concretarase definitivamente este venres xunto cos sindicatos docentes no marco da mesa sectorial, para a súa posterior aprobación en Consello da Xunta (a próxima semana) e a súa publicación este mes no Diario Oficial de Galicia.

Rodríguez defendeu o carácter "absolutamente legal" desta decisión, xa que o Real Decreto "non se publicou aínda", co fin de evitar posibles conflitos e blindar o proceso no hipotético caso de que exista un recurso á nova normativa do Estado. "Cónstanos que este Real Decreto ten carencias xurídicas en base a que xera desigualdade", advertiu.

A maiores e unha vez aprobado o novo texto que prepara o Goberno central, a Xunta ofrecerá unha segunda convocatoria que contará entre 500 e 600 prazas que se asignarán mediante concurso de méritos, para así "dar cumprimento" ao que marca o Estado e posibilitar "unha marxe de estabilización" para o persoal interino.

Este segundo proceso "non vai coincidir temporalmente" coas probas das oposicións e prevese para o último trimestre do ano. Pola contra, os exames da OPE 'tradicional' manterán a folla de ruta prevista e celebraranse durante os meses de xuño e xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta