Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 14:30
Novo episodio no enfrontamento legal de Galicia e outras CC.AA. co Goberno Central por mor da prohibición da caza do lobo. Logo de varios recursos interpostos para tentar botar abaixo esta medida de protección, a plataforma verde Ecoloxistas en Acción vén de reclamar á Xunta de Galicia e o resto de CC.AA. "rebeldes" que cumpran a regulación do Goberno para que o veto á caza da especie se faga efectiva.
O chamamento chega nun intre no que, segundo destacan dende a asociación, Ecoloxistas en Acción está a participar activamente na defensa da imposición do novo texto Estatal tamén nos tribunais, onde ata o momento se terían presentado uns dez recursos. "A Audiencia Nacional desestimou todas as solicitudes de suspensión cautelar da devandita Orde", explican.
Iso non quita que, de acordo coas mesmas fontes, o lobo siga sendo obxecto de caza en Galicia; e non tanto pola falta de intercesión da Xunta como pola presenza de furtivos que lle dan morte. Neste aspecto, a plataforma incide na existencia dunha "rede de caza ilegal que envenena lobos", e que nestes momentos está xa a ser investigada polo SEPRONA da Garda Civil.
"As CCAA deberían estar a traballar nas consecuencias legais da inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial ( LESRPE), facendo unha avaliación periódica do estado de conservación do lobo, tal e como establece o art 56.3 da Lei de Patrimonio Natural e de Biodiversidade. E, especialmente, deberían adoptar medidas para evitar que se produzan actuacións co propósito de dar morte, capturar ou molestar ao lobo, como establece o art. 57. b) da mesma lei", explican dende Ecoloxistas.
Á parte destas medidas, a asociación asegura que "é obrigación destas CC.AA." facilitar axudas para fomentar a coexistencia do lobo e a gandería, pagando "con máis rapidez" os posibles danos que se produzan polos ataques do lobo ao gando para que os propietarios dos animais non teñan a necesidade de contratar seguros privados. "Tamén é necesario perseguir a caza ilegal de lobos e poñer en marcha campañas de sensibilización sobre a importancia ecolóxica desta especie", inciden.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.