Gómez-Reino: "ningunha forza no Parlamento Galego se declara contra as macrogranxas"

O secretario xeral de Podemos Galicia denuncia a contaminación da Limia e lamenta a actitude da Xunta, pero tamén a da oposición.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, vén de pronunciarse sobre a polémica que, nos últimos días, copa a actualidade política estatal: as macrogranxas. A intervención chega despois de coñecer que o grupo parlamentario do PP levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa sobre as macrogranxas "en sintonía coa decisión do PP estatal de presentar mocións nos territorios esixindo o cese do Ministro de Consumo, Alberto Garzón". 

O deputado Antón Gómez-Reino, nunha intervención no Congreso. UNIDAS PODEMOS
O deputado Antón Gómez-Reino, nunha intervención no Congreso. UNIDAS PODEMOS

Gómez Reino criticou que a Xunta se estea facendo “eco dun bulo iniciado pola dereita” en lugar de “protexer os acuíferos” e “cumprir coa directiva europea” que, segundo apuntan dende o Partido, apuntaría á "nefasta xestión" da Xunta ao non declarar zonas vulnerables por contaminación por nitratos de orixe agraria procedentes da gandería industrial. 

Pero o secretario xeral de Podemos cargou tamén contra as bancadas da oposición, ao lamentar que "ningunha outra forza no Parlamento galego se declare claramente contra as macrogranxas e as súas consecuencias ambientais e sociais". Neste aspecto, incidiu tamén en que nin BNG nin PSdeG --aínda que se nomealos-- pareza “dispostos” a abrir o debate e manter "unha reflexión sosegada sobre o modelo gandeiro e sobre os procesos cárnicos en Galicia". 

CONTAMINACIÓN NA LIMIA

Gómez Reino, que defendeu no Congreso unha proposta non de lei para pedir unha moratoria á instalación e ampliación de granxas de gandería industrial, puxo de exemplo a "grave" situación das Conchas e A Limia, xa tratada polo Galicia Confidencial. De acordo coa formación, os niveis de contaminación deste encoro son moi significativos debido á elevada carga gandeira, e só entre o 2014 e 2017 a contaminación por nitratos nas augas subterráneas aumentou nun 40%, segundo datos da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. Incluso un estudo recente da Universidade de Vigo concluíu que o 60% de pozos da zona dispoñen augas non potables. 

Con todos estes datos e estudos científicos ao respecto, así como as declaracións e avisos de organismos internacionais como a OMS, Gómez Reino inquiriu aos grupos do Parlamento galego se "van pechar os ollos" ante o que denuncian os colectivos medioambientais e o sector agrogandeiro na comarca da Limia. 

"Falamos moito de cambiar o modelo produtivo, pero cando se pon o foco nese modelo, en lugar de concretar posibles alternativas o que se fai é demostrar equidistancia, como están a facer as forzas políticas do Parlamento de Galicia ao non declararse claramente a favor dunha produción agrogandeira sostible, que combine a tradición gandeira galega e a responsabilidade do coidado do medio ambiente e unha maior innovación", sostivo o secretario xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta