Os ex ministros José Blanco e Ana Pastor presumen de investimentos no AVE: "un éxito de bipartidismo"

O que foi titular da carteira de Fomento con Zapatero intervén por videoconferencia ao estar en corentena

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2022 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Tras a chegada da alta velocidade a Galicia o pasado 21 de decembro, este venres Expourense acolleu o Foro Ave Madrid-Ourense baixo o título 'Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades". Nel interviñeron os ex ministros José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), pondo de relevo a importancia da colaboración institucional e o investimento económico en momentos de crises para que o AVE sexa unha realidade, a pesar dos continuos atrasos que se rexistraron durante os seus mandatos á fronte de Fomento na execución destas obras.

"Un éxito de bipartidismo", afirmou José Blanco, palabras que foron subscritas pola que tamén foi presidenta do Congreso dos Deputados.

O foro, organizado pola Xunta de Galicia, abordou os desafíos e os retos que transitaron as administracións para que o AVE chegase por primeira vez a Galicia, neste caso con destino a Ourense. Así mesmo, abordáronse os desafíos en materia de infraestruturas, a mellora das conexións interiores dentro da comunidade, a competitividade dos servizos ferroviarios e da vertebración interna.

O que foi titular de Fomento con José Luís Rodríguez Zapatero foi o primeiro en tomar a palabra, a través de videoconferencia por atoparse en corentena. Blanco subliñou que detrás de todo isto hai un traballo de "galeguidade política e institucional".

"Galicia entrou no club de territorios do mundo con alta velocidade, non perdemos o tren do futuro, pero chegou máis tarde do desexado", dixo e recoñeceu, no entanto, durante a súa intervención na que falou de dificultades técnicas, orográficas e "sobre todo económicas en tempos de crises". "Manoseouse moito o que é un fito histórico, pero isto é histórico", dixo asegurando que a conexión Madrid-Galicia é "o investimento máis alto do Estado en infraestruturas", con 10.000 millóns de euros.

Deste xeito, celebrou que Galicia é "o primeiro territorio da fachada atlántica e cantábrica que ten alta velocidade", lembrando que se logrou a pesar de moitas dificultades, resaltando entre elas, "un momento no que os mercados presionaban a prima de risco". "E aínda así se apostou polo AVE", salientou.

José Blanco apuntou que "houbo gobernos autonómicos dubidando da rendibilidade", pero mobilizáronse " recursos e hoxe celebrámolo", antes de enumerar a lista de deberes pendentes. Así citou a mellora da conexión Coruña-Ferrol, a implantación dos trens Avril para reducir os tempos de servizo entre as principais cidades galegas, e a importancia de darlle saída ao tren O Porto-Vigo cara a Ourense.

Pero, para Blanco "é un éxito de bipartidismo" no que os gobernos de España e Galicia "traballaron e seguen traballando", porque "o AVE entrou pero non finalizou o Camiño a Santiago".

A vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor, intervén no Foro Ave Madrid- Ourense 'Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades', en Expoourense, a 14 de xaneiro de 2022. Rosa Veiga - Europa Press
A vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor, intervén no Foro Ave Madrid- Ourense 'Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades', en Expoourense, a 14 de xaneiro de 2022. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta