Piden 20 anos de cárcere para os rexentes dun club por prostitución, trata e agresión sexual

Os dous acusados captaban mulleres que residisen en Venezuela e que estivesen en situación de grave penuria económica para exercer a prostitución nun local de alterne de Cambados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2022 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

Os dous responsables do club 'Pigalle' de Cambados enfróntanse a delitos de inmigración clandestina, trata de seres humanos, prostitución coactiva e agresión sexual. O xuízo celebrarase no Xulgado de Instrución Nº4 de Cambados o 18 de xaneiro.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, os dous acusados --un home natural de Brasil e unha muller de Romanía, ambos con residencia en España e sen antecedentes penais--, planearon, entre abril e marzo de 2018, captar mulleres que residisen en Venezuela e que estivesen en situación de grave penuria económica para lograr que se trasladasen a España a exercer a prostitución no citado club, baixo as ordes dos acusados.

Para conseguir que entrasen en España sen ser rexeitadas na fronteira, os acusados facilitábanlles billetes de avión, reservas de hotel e diñeiro en efectivo, aparentando así unha estancia como turistas. Os acusados conseguiron traer a España tres mulleres, dúas delas con fillos menores ao seu cargo e unha difícil situación económica e, a terceira, unha moza de 18 anos "recentemente cumpridos" que, pola complicada situación que atravesaba a súa familia, buscaba traballo.

A través de coñecidos que os acusados tiñan en Venezuela contactaron coas tres mulleres, das que tan só unha coñecía en que consistiría verdadeiramente o seu traballo. Ás outras dúas, en cambio, díxoselles que traballarían de camareiras e "limpando e facendo camas" e que gañarían 800 euros. Unha vez en Cambados, comunicóuselles. o que debían facer realmente e cando se negaron, os responsables de 'Pigalle' ameazáronas coa débeda que as mulleres contraeran con eles --pago do billete de avión, hoteis e demais--. Ante esta situación, e dada a situación económica das mulleres, aceptaron.

O responsable do local impuxo ademais unha serie de condicións como que, no caso de que non traballasen, aínda que tivesen unha causa que llelo impedise, debían abonar unha "multa" de 10 euros, 60 euros se saían do club, aínda que concorrese unha causa xustificada --como así pasou nunha ocasión en que as tres saíron para ir ao hospital porque a máis nova estaba enferma--.

Tampouco contaban con seguro médico e non podían saír da habitación entre as 22,00 horas e as 12,00 ou as 01,00 horas por se acudía a Policía realizar algunha inspección para controlar o cumprimento da lexislación de estranxeiría. Así mesmo, ante a posibilidade de que marchasen do club antes de pagar a débeda que tiñan, o home amedrentábaas dicíndolles que non lle importaba perder diñeiro pero que, pagando, atoparíaas alá onde estivesen.

O responsable do Pigalle, ademais, está acusado de agresión sexual por encerrar á moza de 18 anos nunha habitación, espirse e tentar forzala. Finalmente, as tres mulleres foron identificadas por funcionarios da Garda Civil nunha inspección levada a cabo no club "Pigalle" o 9 de xullo de 2018.

PENAS

Así, a Fiscalía pide para o acusado un ano de prisión polo delito de favorecemento da inmigración clandestina, así como sete anos de cárcere por cada un dos delitos de trata de seres humanos e prostitución coactiva --tres--. Tamén a prohibición de achegarse a menos de 100 metros das tres mulleres ou comunicarse con elas durante dez anos; e unha pena de liberdade vixiada durante cinco anos. Polo delito de agresión sexual, solicítase un ano de prisión, a prohibición de achegarse á vítima durante seis anos e liberdade vixiada por outro cinco anos.

Á outra acusada pídeselle un ano de prisión por favorecer a inmigración clandestina, así como sete anos de cárcere por cada un dos delitos de trata de seres humanos e prostitución coactiva --tres--. Tamén a prohibición de achegarse a menos de 100 metros das tres mulleres ou comunicarse con elas durante dez anos.

No que respecta á responsabilidade civil, os acusados deberán abonar, ademais das costas do proceso, a unha das vítimas 2.350 euros polo diñeiro ilicitamente obtido e 6.000 euros polos danos morais que lle provocaron; outros 1.220 euros polo diñeiro ilicitamente obtido e 6.000 euros polos danos morais xerados, e á moza de 18 anos, a cantidade de 2.710 euros, coa suma de 9.000 euros polos danos morais.

O acusado indemnizará a esta última coa suma de 6.000 euros polos danos morais derivados da agresión sexual cometida.

Xulgado de Instrución número 2 de Tui (Pontevedra). EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo
Xulgado de Instrución número 2 de Tui (Pontevedra). EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta