A Deputación de Pontevedra respecta a decisión do Supremo e insta ao PP a "pedir desculpas" pola súa "práctica laboral"

"Daqueles pos de plans indignos e irregularidades chegan agora estes lodos", asegura Carlos Font.

Por E.P. | Pontevedra | 17/01/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O goberno da Deputación de Pontevedra expresou este luns o seu máximo respecto á sentenza do Tribunal Supremo que ratificou a existencia dunha relación laboral entre a institución provincial e 38 persoas bolseiras que, segundo indica, denunciaron o antigo Plan de Práctica Laboral, "ideado, creado e posto en marcha polo PP, con Rafael Louzán na presidencia".

Carlos López Font
Carlos López Font | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.

O deputado responsable de persoal, Carlos Font, sinalou que o Plan de Práctica Laboral "creouno o goberno de Louzán, desenvolveuno o goberno de Louzán" e foi o "goberno de Louzán quen sacou peito con este plan de bolsas cuxas consecuencias son as que agora nos traen aquí".

Carlos Font esixiu ao PP que "polo menos pida desculpas públicas por un plan de bolsas que tivo que eliminar" o goberno actual ante as "numerosas irregularidades e problemas que causaba" para substituílo, en canto se puido, por un programa de contratos en prácticas, "con salarios e condicións laborais dignas, como é 'O Teu Primeiro Emprego".

"Nós fixemos un novo plan, en liña co Plan Director polo Emprego Digno, no que as persoas recentemente tituladas teñen un contrato de traballo en prácticas, que computa para todos os efectos como experiencia laboral, e perciben unha remuneración de carácter salarial do importe que marca a normativa, sempre garantindo que as persoas teñan un salario digno e que realicen funcións acordes á súa categoría".

"É curioso, engadiu, que o PP pasase anos criticando a este goberno por pechar o Plan de Bolsas de Louzán, que cualificaba de modélico e resulta que agora renega da súa paternidade", sostivo Font.

O deputado provincial, que aludiu á "catarata de herdanzas envelenadas do anterior goberno, tamén expresou a súa "incredulidade pola sobreactuación do responsable sindical de CC.OO. na Deputación, José Piñeiro, a quen reprochou que tratase de "adxudicar a este goberno a responsabilidade desta decisión xudicial" cando "na etapa política anterior aplaudía a rabiar o plan de Louzán e nunca o denunciou". "Hai que ter moi pouca vergoña e mala memoria", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Xa que falamos do Pleistoceno cómpre lembrar que foi o mesmo Louzán que abriu o melón do estadio de Balaído con este convenio por 30 M€ aló polo ano 2015 ! https://xornal.vigo.org/noticias/21... Daquela o triunvirato Abel & Carmela & Regades estaban felices coa sinatura ! A día de hoxe aínda seguen a obras en Balaídos e a broma supera xa os 60 M€ sen que ninguén diga nada nin dos RETRASOS nin de onde se meteron os cartos ? https://flic.kr/p/NG6EzJ Algún día haberá que facer unha Auditoria para averiguar onde se meteron os cartos deste pozo sen fondo !!!