Feijóo e o conselleiro de Sanidade falarán da atención primaria no primeiro pleno deste ano

Os populares decidiron deixar fóra unha iniciativa sobre a polémica creada polas declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre as macrogranxas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2022 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A situación da atención primaria, coa pandemia como pano de fondo, protagonizarán o pleno da próxima semana, no que comparecerá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responderá á pregunta que lle formule a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Será a primeira sesión plenaria despois do descanso parlamentario de Nadal e de que hai unha semana fora rexeitada esta mesma comparecencia nun pleno extraordinario convocado pola Deputación Permanente, o que levou aos nacionalistas a denunciar que a presenza do titular de Sanidade "chega 14 días tarde", en palabras de Olalla Rodil.

Feijóo tamén terá que responder, como xa avanzou o PSdeG na rolda de prensa este luns, a unha pregunta sobre os fondos europeos no medio do que o novo portavoz parlamentario, Luís Álvarez, denominou "polémica artificial" iniciada pola presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, á que Galicia fai "seguidismo".

No pleno, ademais, o PPdeG levará iniciativas para defender que o Goberno estenda as exencións fiscais do Xacobeo un ano máis, do mesmo xeito que a Igrexa declarou 2022 tamén ano santo, de forma consecutiva e por primeira vez bianual na historia. Así mesmo, introduciu unha iniciativa sobre Alcoa, deixando fóra a polémica por mor das declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, sobre a carne española e as macrogranxas.

Neste sentido, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, explicou que os populares consideraron "prioritarias" as dúas iniciativas mencionadas, ao que hai que sumar a que iniciativa específica sobre as palabras de Garzón non está aínda en condicións de ser debatida en pleno. En todo caso, os populares dispuñan doutras iniciativas sobre o sector cárnico galego, que sofre as consecuencias da subida dos custos de produción, que polo momento non foi incluída tampouco.

Celebración da primeira xunta de portavoces con Luís Álvarez e Begoña Rodríguez Rumbo na dirección do grupo socialista. En xaneiro de 2022. PSDEG
Celebración da primeira xunta de portavoces con Luís Álvarez e Begoña Rodríguez Rumbo na dirección do grupo socialista. En xaneiro de 2022. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta