Por Galicia Confidencial | OURENSE | 20/01/2022 | Actualizada ás 09:25
Ecoloxistas en Acción e outros colectivos galegos implicados na loita contra a minaría "destrutiva" veñen de sumarse á convocatoria de manifestación lanzada polo Movimento Não às Minas – Montalegre e a Associação Povo e Natureza de Barroso para este sábado 22 na praza do Municipio de Montalegre. A arruada comezará às 14:30 (hora portuguesa) e coincide coa famosa Feira do Fumeiro que atrae a numerosas persoas á capital das Terras do Barroso.
Desde os colectivos galegos e portugueses fan un chamamento á participación, non só para evidenciar a solidariedade transfronteiriza ante os impactos comúns que os novos proxectos mineiros teñen sobre as poboacións locais e no ambiente, mais "especialmente para facer frente de forma conxunta e coordinada a empresas estranxeiras que operan a un e outro lado da fronteira".
Precisamente a manifestación deste sábado cuestiona o proxecto de mina de estaño e volframio da Borralha, no concelho de Montalegre, capitaneado pola empresa australiana Rafaella Resources que tamén está detrás dos polémicos proxectos mineiros de San Finx e Varilongo. Rafaella Resources está controlada por un conglomerado opaco chamado Starboard Global con sede nos paraísos fiscais das Illas Virxes Británicas e Hong Kong.
IMPLICACIÓN GALEGA NAS ACCIÓNS XUDICIAIS EN PORTUGAL
Esta mesma semana o Tribunal Administrativo de Círculo de Lisboa citou á Direção-Geral de Energia e Geologia e ao Ministério do Ambiente como procesados nunha acción xudicial iniciada pola fundación galega Montescola en colaboración con Ecoloxistas en Acción, precisamente pola negativa das autoridades portuguesas a proporcionar a documentación sobre a mina da Borralha, que tamén pediran en repetidas ocasións e sen éxito os movementos portugueses.
A acción dase logo dun caso similar, o do proxecto de litio da Mina do Barroso, onde a negativa das administracións a proporcionar información ambiental acabou nos tribunais e mesmo no Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus dependente das Nacións Unidas, onde tamén se acumulan queixas contra a Xunta polas minas de San Finx e Santa Comba. Naquel caso, o proxecto foi sometido a consultas transfronteirizas ante a instistencia de Ecoloxistas en Acción ante o Ministerio de Asuntos Exteriores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.