Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2022 | Actualizada ás 17:53
Un matrimonio cunha nena menor de idade, residentes no concello ourensán de Xunqueira de Ambía, sufriu un incendio na súa vivenda por segunda vez en menos de tres meses. A familia natural de Romanía vive desde mediados do 2021 no Concello de Xunqueira de Ambía. O pasado mes de outubro residían de aluguer na aldea de Merí pero un incendio calcinou por completo a vivenda.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Xinzo de Limia, o GES de Maceda, medios forestais, voluntarios de Protección Civil e a Garda Civil que conseguiron extinguir o lume antes de que afectase a casas lindeiras, con todo, o domicilio da familia ardeu por completo ao tratarse dunha antiga construción co teito e os pisos de madeira, o que contribuíu á súa rápida propagación. A familia non se atopaba no interior e non houbo que lamentar danos persoais pero si perderon todos os seus aveños.
Tanto o Concello como os veciños colaboraron para atoparlles unha nova localización. Actualmente residían nun novo aluguer en Cerdeira onde se produciu o pasado domingo o novo incendio a última hora da tarde. Nesta ocasión, con eles no interior. Foron os veciños quen se decataron e alertáronos facilitando que puidesen saír e evitar danos persoais. Mentres que o incendio en Merí estivo provocado por un fallo eléctrico, o desta nova casa consideran que se debe a "a mala combustión da cheminea".
FAMILIA CON POUCOS RECURSOS
O alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes, explicou que ambos os incendios non gardan relación, "foron unha casualidade" vinculada á "antigüidade das construcións".
Ademais indicou que "probablemente estivese mal illada" a cheminea con respecto ao teito de madeira e por iso prendeu lume "ao meterlle leña para tentar quentarse coa onda de frío".
Polo momento a familia foi trasladada ao albergue municipal a espera de atopar outra casa que se poidan permitir, porque o rexedor explica que "ela ten unha pensión desde hai tempo para coidar da nena e el traballa na construción, pero sobre todo no verán, agora mesmo non ten traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.