Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2022 | Actualizada ás 11:13
A factoría de leite condensado de Nestlé en Pontecesures (Pontevedra) vivirá nos próximos días cambios na súa dirección. O até agora director, David Coré, asume novos retos dentro da Compañía a partir do 1 de febreiro. Na súa substitución, nomeouse a Júlio Diniz, até agora Manufacturing Excellence Manager da zona EMENA (Europa, Oriente Medio e Norte de África), quen destaca pola súa traxectoria profesional de 16 anos desenvolvendo diversas posicións relacionadas con fábrica.
Segundo apunta a fábrica nun comunicado, Diniz uniuse ao Grupo Nestlé en 2013 e desde entón ostentou diferentes cargos en varios países relacionados coas operacións en fábrica e a procura da excelencia da produción, ata que en 2017 foi nomeado Manufacturing Excellence Manager para a zona EMENA. Durante este tempo, coñeceu de preto 40 fábricas de Nestlé situadas en 20 países e 4 continentes.
Este brasileiro de 40 anos, casado, con 2 fillos, gran amante da cociña, que lle gusta correr no seu tempo libre e que viviu ao longo da súa carreira profesional en países como Brasil, Francia, Suecia, Suíza e Alemaña, confesa iniciar esta nova andaina con moita ilusión. "Esta nova posición como director da fábrica de Nestlé en Pontecesures é un reto que asumo co obxectivo de seguir convertendo a factoría en centro de referencia da compañía na produción de leite condensado en Europa", asegura.
Pola súa banda, David Coré continuará desenvolvendo o seu labor na área de Nutrición e Calidade dentro do equipo de Iberia Quality Management de Nestlé. Desde que Coré asumise a dirección da fábrica de Pontecesures en 2013, esta consolidou a súa posición dentro do Grupo duplicando o seu volume de produción. Para iso, foi importante a apertura de novos mercados en África, Oriente Medio e Oceanía, supondo un incremento do 150% do volume das exportacións.
MÁIS DE 80 ANOS PRODUCINDO LEITE CONDENSADO
A fábrica de Nestlé en Pontecesures é unha das máis veteranas da Compañía en España. Aínda que a planta inaugurouse en 1939, ten a súa orixe na constitución de Ilepsa (Industria Leiteira Peninsular, S.A.), empresa propiedade de Nestlé que se fundou o 1 de febreiro de 1938. A pesar diso, non foi até o 16 de agosto de 1939 cando saíu da planta galega o primeiro bote de leite condensado que se produciu.
En 1983, esta planta de Pontecesures converteuse na única fábrica do grupo en España dedicada á fabricación de leite condensado. Ademais, desde 2012, esta factoría é tamén a única de Nestlé na zona EMENA (Europa, Oriente Medio e Norte de África) que se dedica á produción deste produto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.