Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/01/2022 | Actualizada ás 18:05
O Concello de Celanova, en colaboración coa Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura, organizará este domingo 30 de xaneiro unha homenaxe ao activista político, social e cultural Pepe Velo con motivo do 50 aniversario do seu falecemento.
Pepe Velo estivo detrás do secuestro en 1961 do transatlántico 'Santa María', unha operación ideada e impulsada co obxectivo de atraer a atención do panorama internacional e romper coa inacción das potencias occidentais sobre as ditaduras que dominaban a península ibérica: o franquismo en España e o réxime de Salazar en Portugal.
O acto celebrarase no Parque das Triguerizas de Celanova, onde se atopa o monumento á figura deste galeguista e opositor ao réxime de Franco que faleceu un 30 de xaneiro de 1972, no hospital Oswaldo Cruz de São Paulo.
A prensa de Brasil despedía a Velo Mosquera como un "destacado elemento da oposición ao réxime do generalísimo Franco, natural de Celanova, Galicia, que militou desde a mocidade no movemento nacionalista galego".
Con esta conmemoración, quérese dar continuidade ao labor de divulgación da súa figura e o seu legado histórico. Nesta liña, durante o acto do domingo anunciaranse os eventos que levarán a cabo ao longo do ano para homenaxear a Xosé Velo Mosquera.
Durante a celebración da efeméride, realizarase unha ofrenda floral diante do monumento e darase un recital poético e musical sobre textos do propio Velo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.