Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/01/2022 | Actualizada ás 14:26
Balbino era un neno que falaba en galego. Naceu mamando a lingua dos seus antergos, pero viviu a represión e vergoña que supoña falar este idioma durante os anos duros do franquismo. Un idioma que se identificaba con "aldeán", "pailán" ou "pobre". Hoxe, o Balbino que tan ben retratou Xosé Neira Vilas en Memorias dun Neno Labrego nada ten que ver co Balbino da sociedade actual galega.
Precisamente, para tentar buscar novos "Balbinos" que abracen o galego desde outras linguas, sexa o castelán ou outro idioma estranxeiro, nace o portal web neofalantes.gal, unha iniciativa coa que a USC e a Xunta pretenden impulsar e valorizar os novos falantes de galego.
O Balbino neofalante actual vive nun mundo tecnolóxico e quere deixar atrás os prexuízos de que falar en galego é de "aldeáns" e "pailáns", mais que nada porque xa vive na cidade e a súa relación co campo pode ser anecdótica. E para iso, conta a partir de agora, co portal neofalantes.gal que, apoiándose nas tecnoloxías, busca poñer en valor o mundo do neofalantismo.
Trátase dun proxecto de tres anos de duración que consta de tres fases coas que se pretende impulsar e valorizar o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía. Vai destinado, sobre todo, a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades, e tampouco aos que falan en castelán, senón a aqueles que queren achegarse ao galego sendo norteamericanos, franceses ou alemáns.
O grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación é o responsable deste novo proxecto que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para iso, nunha primeira fase, deseñou xa o sitio web, www.neofalantes.gal, un portal de noticias que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.
O portal conta con varias seccións; historias e experiencias de neofalantes, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas e cousas interesantes en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas novas redes sociais da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Tuiter.
Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego
A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios que aprenderan galego ou queiran aprender galego e vivan no estranxeiro con empresas de Galicia. Farase especialmente incidencia co mundo lusófono. O portal está coordinado polos profesores da Facultade de Comunicación, Xosé López e Xurxo Salgado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.