Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 20:00
A plataforma Vía Galega vén de convocar unha manifestación en Santiago de Compostela para defender os dereitos "nacionais" de Galicia. Celebrarase o vindeiro 24 de abril, ás 11.30, coincidindo con que se fan 176 anos daquel “abril de lume e ferro”, en palabras de Manuel María, en que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia galega: o pronunciamento provincialista do xeneral Solís, que rematou na data sinalada cos fusilamentos en Carral dos “mártires da liberdade”.
A entidade, que agrupa 61 plataformas de distintos ámbitos, destaca que o movemento dos Mártires deu comezo á "historia do nacionalismo [galego], que fundamenta a súa existencia na defensa permanente dos dereitos da nación galega e na procura da súa liberación nacional".
Por iso apunta que a afirmación de “Somos unha nación” será o motivo desta mobilización. "O noso dereito e vontade a ser libres, a decidir o noso futuro e a romper coa nosa dependencia colonial e opresión nacional faise máis necesario que nunca para rematar co espolio dos nosos recursos, da nosa electricidade e do aforro e co desmantelamento industrial", destacan, nun momento en que o debate dos eólicos segue candende e sobre a mesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.