Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 13:13
Nova mobilización en prol da retirada de simboloxía franquista da man do Colectivo de Presos e presas políticas de Ferrol na Ditadura. A plataforma anuncia que vén de presentar unha denuncia contra o Ministerio de Defensa ante o Fiscal Xefe de Galicia por mor da continuidade de moitos destes símbolos que datan da ditadura franquista e que, segundo apuntan, poderían constituír unha ilegalidade.
Dende a asociación fan fincapé en todos os símbolos da ditadura que permanecen intocados nas institucións militares do estado. "Destes 23 exemplos de simboloxía franquista, 13 están en Ferrol", explican, como xa apuntaron a finais de 2020 nunha carta dirixida á propia Margarita Robles. Xa entón a plataforma demandaba ao Ministerio que "procedese á retirada da simboloxía franquista que depende directamente de Defensa”.
Pero tan só dous meses máis tarde, en febreiro de 2021, Defensa respondía negativamente ao escrito da plataforma, incidindo que “conforme a los datos disponibles en este Departamento, no consta que existan actuaciones pendentes al respecto”. Logo de facer chegar múltiples avisos á carteira dependente do Goberno central, a plataforma vense de decidir a levar a cuestión aos tribunais por eses 13 símbolos que recordar o pasado franquista.
A simboloxía concéntrase no interior do Arsenal Militar, onde moitas das 'rúas' que o compoñen teñen nomes de militares galardonados durante a ditadura. Pero o problema tamén estaría na Igrexa Castrense de San Francisco, onde, de acordo cos datos da plataforma, se mantén a Cruz dos Caídos e outra placa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”.
"Cando se presentaban preguntas no Congreso sobre este evidente incumprimento da lei, a reposta do Ministerio de Defensa o 5 de abril de 2021 era sorprendente", explican dende a asociación, que recordan así a resposta do Ministerio: “Se revisaron los símbolos y los nombres y se mantuvieron, ya que recuerdan a miembros de la Armada o buques con vinculación con la ciudad de Ferrol”. "Con este razoamento", pregúntanse, "o ditador Franco, que tamén era de Ferrol, debería conservar as rúas e distincións que tiña nesta cidade?"
Por iso veñen de achegar un esctito de 56 páxinas ao Fiscal Xefe de Galicia no que se solicita “que por parte desa Fiscalía se tomen as medidas oportunas para comprobar os datos que aportamos, tanto en Galiza como no conxunto do Estado, e actuar en consecuencia porque entendemos que esta reiterada actitude de incumprimento da lei polo Ministerio de Defensa, podería ser constitutiva de delito".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.