Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2022 | Actualizada ás 20:00
A ameaza de seca que pende sobre Galicia podería gardar relación co espallamento dos parques eólicos e verse ampliada por eles. Esa é a denuncia que se destila da petición que varias plataformas veciñais e entidades ecoloxistas veñen de facer á Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia, convocada para este xoves ante a preocupación xeralizada pola falla de auga nos encoros e a seca que se está a producir arestora en Galicia e que pon en situación de risco o abastecemento humano
Os colectivos implicados, entre os que se contan a Plataforma Quijote de Outes, a Asociación ambiental Fonte Seca APEOM, Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e outras organizacións contra os eólicos, veñen de demandar á Xunta paralice "de inmediato" a tramitación e instalación destas estacións do vento enriba de brañas e humidais en tanto que "ameazan a viabilidade ecosistémica dos ríos galegos", unha problemática na que tamén incidirían as centrais hidroeléctricas reversibles.
A petición chega nun momento en que a administración autonómica convoca a amentada Oficina Ténica ante o estado de prealerta por seca en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da cunca hidrográfica Galicia–Costa. De acordo coas asociacións, a entrada de parques eólicos "está a danar gravemente os recursos hídricos do país e isto vai a ter consecuencias e curto, medio e longo prazo. Non se pode xogar coas nascencias dos ríos e das fontes. Non se poden instalar parques eólicos sobre brañas, humidais e hábitats de turbeiras nin sobre as divisorias de augas, algo bastante común e frecuente".
A instalación destes novos parques eólicos válese de distintos atallos legais, no tocante por exemplo á suposta moratoria apuntada pola Xunta de Galicia meses atrás, formulada cunha letra pequena que motivou até a resposta negativa do CCG, pedindo unha paralización "real" da implantación de enerxía eólica. No caso dos humidais, a problemática sobe un chanzo porque, como destacan estas plataformas, a Xunta freou o desenvolvemento do Decreto que regula o Rexistro de Humidais de Galicia para "continuar a facer falcatruadas cos recursos hídricos do país".
Así, destacan, "cómpre recordar como parques eólicos xa autorizados como os de Greenalia en Santa Comba e Coristanco instálanse directamente enriba de brañas tan emblemáticas e ecosistemas húmidos tan importantes como a Braña Rubia ou lagoa de Alcaián, a Braña da Serra, A Braña Rica, A Braña Ancha, a Braña da Fonte da Braña ou o parque eólico A Lagoa, en Santa Comba e Zas, que se asenta directamente como ben indica o topónimo sobre unha braña".
HUMIDAIS QUE 'NON EXISTEN'
A problemática afectaría a moitos máis espazos, entre os que se conta a zona especialmente afectada de Outes, con até tres proxectos eólicos contemplados. Pero, por que se seguen a tramitar estes parques eólicos sobre zonas que precisan protección? Pois porque, de acordo coas asociacións, en Galicia só hai 5 humidais protexidos ao abeiro do Decreto 110/2004, do 27 de maio. A Xunta lazou outro decreto protector nos anos do bipartito que incluía o Inventario de humidais de Galicia, vixente na actualidade. Pero xa dende 2008 a Xunta "abandonou por completo" a tarefa e "non se molestou en inventariar debidamente os humidais galegos", circunstancia que a ollo das fontes consultados incorre nun incumprimento da normativa europea.
"A inscrición dun humidal no Inventario de humidais de Galicia deixara constancia, como mínimo da súa dentificación, denominación e descrición", destacan. Pero, "ao non facerse nada, técnicamente para a Xunta de Galicia non existen". Aseguran así que ao non delimitarse debidamente os humidais do Inventario difícilmente se poden identificar, controlar e moito menos cumprir cos obxectivos de calidade destas masas de auga que esixe a DMA e por tanto, xa non habería ningún obxectivo ambiental que cumprir, abandonando a súa sorte estes espazos que prestan grandes e valiosos servizos ecosistémicos.
A problemática de construír sobre estes espazos ou desleixar o seu coidado revirte agora en cuestións como a da seca, que porén poderían ir máis alá co tempo. "Os humidais son fontes de vida, xa que o 40 % das especies do mundo viven ou se reproducen nestes espazos. Tamén son fonte de auga limpa e de alimento, de feito, unha de cada sete persoas depende dos humidais para o seu sustento. Os servizos que brindan os humidais son incalculables e insubstituíbles", inciden as plataformas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.