Luís Álvarez, sobre os resultados en CyL: "Nin cabe felicitar ao PP, nin a Castela e León, nin ao conxunto de España"

O PSdeG cre que o seu partido "non cumpriu expectativas" pero considera que o PP quedou "lonxe" dos seus obxectivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2022 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Os socialistas galegos, da man do seu portavoz no Parlamento autonómico, Luís Álvarez, trasladaron que os resultados das eleccións en Castela e León evidencian que o Partido Popular "errou na súa estratexia" ao adiantar uns comicios nos que recoñecen que o PSOE "non cumpriu as expectativas". 

Cuestionado na rolda de prensa celebrada este luns na Cámara  autonómica, Álvarez sentenciou que os populares "están para recibir calquera cousa menos unha felicitación" despois dos resultados logrados nas eleccións deste domingo, nas que se proclamaron vencedores con 31 procuradores, aínda que a dez da maioría absoluta. Para o portavoz parlamentario, a pesar da súa vitoria nas urnas, o PP de Alfonso Fernández Mañueco "quedou lonxe dos seus obxectivos" e, por tanto, fracasou coa súa estratexia de tentar "replicar" en Castela e León "o fenómeno" da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso ao adiantar as eleccións.

"Non teñen a maioría  abosluta e fortaleceron á extrema dereita", resumiu Álvarez, para quen a "estratexia" dos populares nestes comicios partiu da dirección estatal do partido con Pablo Casado á cabeza, que "converteu as eleccións nun campo de batalla de descalificacións" no que "se falou de todo en clave nacional excepto dos problemas de Castela e León". "Nin cabe felicitar ao PP, nin a Castela e León, nin ao conxunto de España", aseverou antes de referirse a os resultados do seu partido, que perdeu sete procuradores respecto das últimas eleccións ao quedar en 28 e, por tanto, "non cumpriu" coas expectativas depositadas na candidatura de Luís Tudanca.

Para o portavoz dos socialistas galegos no Pazo do Hórreo, corresponde "ao propio" PSOE de Castela e León analizar os seus propios resultados e obrar en consecuencia, á vez que evitou situarse ante un eventual apoio a Mañueco que evite a entrada de Vox no goberno. "A verdadeira traxedia é a irrupción é a irrupción dun partido que quere estar nun goberno dunha comunidade autónoma pero nega o Estado das autonomías  e ten unha postura antieuropeísta", sentenciou Luís Álvarez en referencia ao partido de Santiago Abascal, formación que, ao seu xuízo, "reperesenta todo o contrario ao que o resto de partidos defenden".

Así as cousas, remarcou que corresponde ao PSOE de CyL decidir o camiño a tomar durante as próximas semanas,  nas que Mañueco "vaino a ter complicado por ese escenario que el mesmo creou". "Aínda que non teño claro que ese adianto electoral fose decisión do propio Mañueco", apostilou.

Por último, preguntado polas posibles réplicas en Galicia de fenómenos apuntado nas eleccións castellanoleonesas como a irrupción das plataformas locais ou o auxe de Vox, Álvarez resaltou que aínda restan dous anos e medio para as próximas autonómicas, pero cre que está "en mans de Feijóo e o PP facilitar a presenza destes partidos de extrema dereita nos parlamentos autonómicos".

O portavoz parlamentario socialista en Galicia, Luís Álvarez. PSDEG
O portavoz parlamentario socialista en Galicia, Luís Álvarez. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta