Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2022 | Actualizada ás 10:46
A CIG-Ensino denuncia que a Xunta pretende que sexan os centros educativos os que decidan sobre o uso ou non uso das máscaras nos patios de recreo. Aluden a un correo sen asinar por ningún responsábel da Consellería de Educación, recibido polos centros educativos baixo o asunto: 'Aplicación da lexislación sobre a obrigatoriedade do uso de máscara en centros educativos'. "Con el o goberno galego pretende lavarse as mans en canto á decisión de se o noso alumnado ten que usar máscaras ou non durante os recreos", critica.
Neste correo anónimo, a Consellería recorda o que establece o Ministerio de Sanidade, en canto ao uso obrigatorio só en actos multitudinarios e o mesmo documento indica que segundo a OMS os recreos non se consideran actos multitudinarios. Remata o escrito recordando os grupos burbulla e as limitacións de contactos entre os distintos grupos, pero sen aclarar ou indicar que temos que facer co noso alumnado nos patios de recreo.
Desde a CIG-Ensino consideran que a Consellería de Educación ten que dar unhas "instrucións claras" de cara a forma de actuar, sen delegar as decisións sanitarias dunha pandemia nos centros educativos e nas súas direccións.
"Non pode ser que o goberno galego pretenda, mediante un correo anónimo no que non se dan instrucións claras, dar por pechado un asunto que preocupa a toda a comunidade educativa", indica. "Nin o profesorado e o resto do persoal do centro, nin as familias nin o alumnado poden seguir sendo reféns do xogo partidario e os intereses persoais do presidente da Xunta", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.