Feijóo pide explicacións sobre a suposta espionaxe "rocambolesca e sorprendente" a Díaz Ayuso

Cre que "sería unha broma" contratar a alguén para que revise o Portal de Transparencia dunha comunidade autónoma, onde están as facturas.

Por E.P. | VIGO | 17/02/2022 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O presidente de Galicia e barón rexional do PP, Alberto Núñez Feijóo, urxiu a que alguén dea "explicacións" nas "próximas horas" sobre un feito "tan rocambolesco e sorprendente" como a suposta contratación dunha axencia de detectives para espiar á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. "A noticia ten un contido tan rocambolesco, tan sorprendente, que require unha explicación, e espero que esa explicación se dea nas próximas horas", manifestou este xoves Núñez Feijóo en declaracións a Onda Cero, recollidas por Europa Press.

Para Feijóo resulta "absolutamente sorprendente que alguén contrate a un detective" para conseguir unhas facturas que as administracións deben facer públicas no Portal de Transparencia. "Cústame crer algunhas cuestións" que "non parecen verosímiles", sinalou o presidente galego, para reiterar a necesidade dunha explicación "inmediata, clara e precisa" sobre o ocorrido.

En concreto, as informacións aparecidas, confirmadas por Europa Press, apuntan a que en decembro se avisou a Díaz Ayuso de que unha axencia de detectives recibira un encargo da Empresa Municipal da Vivenda do Concello de Madrid para investigar ao seu irmán co fin de tentar acreditar o posible cobro de comisións a cambio de contratos públicos durante a pandemia.

Preguntado por esta información, Feijóo explicou que "unha factura dun servizo de saúde hai que colgala no Portal de Transparencia". "Sería unha broma contratar a alguén para que revise o Portal de Transparencia dunha comunidade autónoma", declarou. Con todo, Feijóo dixo descoñecer os feitos, que viu na prensa e que o PP o "desmentiu" nun comunicado.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.

VILLA DE PITANXO

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, trasladou este xoves a solidariedade e agarimo de Madrid aos galegos e familias dos mariñeiros do pesqueiro naufragado en augas de Terranova o pasado martes.

Fíxoo nada máis comezar as súas intervencións no Pleno ordinario da Asemblea de Madrid, onde destacou que é unha traxedia que non se vivía desde hai décadas. Ademais a dirixente rexional mandou todo o seu apoio ao Goberno autonómico de Galicia, que preside Alberto Núñez Feijóo, en "estes momentos tan complicados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta