"Papel mollado": así resultou o plan da Xunta para atender a saúde mental nos colexios, segundo a CIG

A Confederación considera que o departamento de Román Rodríguez non achegou os recursos necesarios para facer valer unha medida anunciada hai xa máis dun ano e que seguiría sen dar os seus froitos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

Nova demanda de CIG-Ensino dirixida á Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A Confederación sindical vén de chamar a atención sobre a "necesidade" de concretar actuacións para, apuntan, salvagardar a saúde mental de profesorado e alumnado. Así o recolle nun escrito remitido ao conselleiro de Educación no que o sindicato maioritario demanda unha actuación clara a respecto dun tema que puxo sobre a mesa a situación sanitaria, destacan. 

Aula dun centro. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Aula dun centro. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Así, se ben a saúde mental de docentes e discentes "xa viña sendo unha preocupación do profesorado moito antes da pandemia as situacións de falta de convivencia, violencia, inseguridade, intolerancia ou non respecto entre iguais experimentadas nas aulas polo alumnado e de cara o propio persoal docente", agora a circunstancia tería empeorado como consecuencia do estrés carrexado polas medidas sanitarias.

A CIG subliña así a presenza de "situacións extremas" no ámbito profesional, e destacan que os profesores tiveron que atender as funcións de orientación e de asesoramento a través da titoría, o ensino virtual, a propia formación, o exceso de burocracia como consecuencia da Consellería, a necesaria coordinación e unha docencia "moi limitada" ao respecto do traballo co alumnado, entre outros.

"FALTA DE MEDIOS"

A esta circunstancia súmaselle así a "falta de medios" para atender o benestar emocional do alumnado, mesmo despois de que Román Rodríguez anunciara --hai xa un ano-- a posta a disposición dos centros educativos dun Plan de Benestar Emocional, que ía acompañado dunha “proposta de intervención en tres fases para desenvolver o acompañamento ao benestar emocional do alumnado”.

Con todo, inciden dende a CIG, a sensación que existe neste momento entre o profesorado é que "unha vez máis, o papel terma de todo e que non existen recursos para enfrontar todos os problemas aos que se enfronta cada día nas aulas". Máis aínda, inciden, carecendo de formación psicosocial e de ferramentas de intervención específicas neste eido, a maior parte da atención das casuísticas e trastornos mentais, de conduta, de motivación e de rendemento académico que se están a producir nestes momentos entre estudantado de case todas as etapas educativas está a recaer no propio colectivo docente.

O problema amplíase porque o profesorado "está coas mans atadas por un currículo férreo, por unha burocracia ilimitada, por horarios máximos, por ratios imposíbeis, por funcións inabarcábeis e un longo etcétera". Por iso demandan que a Xunta faga efectivas as ferramentas para consolidar o coidado emocional e mental e que a medida de 2021 da Consellería sexa algo máis que "papel mollado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta